O Ganapán propón receitas de biscoito de mazá e ‘mousse’ de mango e a confección de faroliñas de man e piñatas de cores para esta fin de semana

14
  • O programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica desenvolverase o sábado 29 e o domingo 30 en sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas
  • As inscricións nas actividades, destinadas a nenos e nenas de 4 a 10 anos, poderán realizarse no email oganapan@gmail.com e pecharanse ás 16:00 horas da xornada anterior aos talleres

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e destinado a nenos e nenas de 4 a 10 anos, propón para a vindeira fin de semana uns atractivos talleres de cociña e creatividade con receitas doces e saudables e manualidades con materiais reciclados. Todos aqueles rapaces interesados deberán reservar previamente a súa praza a través do email oganapan@gmail.com, pechándose as inscricións ás 16:00 horas da xornada anterior á celebración das actividades, que se desenvolverán, tanto o sábado 29 como o domingo 30 de maio, en dúas sesións: ás 11:00 e ás 12:30 horas.

Segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “os nenos que participen no Espazo Gastro de O Ganapán este sábado terán a oportunidade de elaborar un biscoito saudable, sen glute, e moi esponxoso, cunhas ricas mazás e un pouco de maña, un doce que poderán comer a calquera hora do día: almorzo, sobremesa, merenda…”. “Nesa mesma mañá, dentro do Espazo Crea, levarase a cabo un obradoiro no que se reciclarán rolos de papel hixiénico para crear piñatas de cores, ideais para gardar caramelos e doces”.

Os pequenos tamén deberán lembrarse de coller a súa friameira na xornada do domingo, na que poderán levar ás súas casas unha ‘mousse’ elaborado cunha froita tan saborosa coma o mango. Asemade, reutilizarán uns cartóns de leite para confeccionar uns faroliños de man para alumear as noites de pouco luar.