Os consellos parroquiais difundirán o traballo de campo do proxecto de transporte a demanda

12
  • Representantes de todas as parroquias do Concello participaron nunha asamblea para coñecer polo miúdo o proxecto de transporte a demanda e comprometéronse a promover a participación activa na recollida de información previa
  • Este proxecto está financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 

O concelleiro de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, acompañado polos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, mantivo na tarde de onte unha asamblea cos representantes parroquiais de todo o concello, co proxecto de transporte a demanda como punto do día.

Tratábase de poñer en común este proxecto de transporte público que conectará as parroquias e os barrios coa cidade, para que a veciñanza coñeza en que consiste e participe no seu deseño a través do traballo de campo. A idea fundamental é que, a través de enquisas e información previa proporcionada pola veciñanza, se deseñe un sistema que funcione nas mellores condicións posibles para os futuros e futuras usuarias.

Demetrio Gómez asegurou que a asamblea se desenvolveu “nun ambiente moi bo” e que  “todas as propostas foron construtivas”. Así, as intervencións dos representantes parroquias centráronse en cuestións como o propio funcionamento do transporte a demanda, o prezo do servizo, os horarios, os destinos e puntos de recollida ou o tipo de persoas usuarias que o poderán utilizar. 

Por parte do Concello, informouse da necesidade de colaboración por parte da veciñanza co resultado de que todos os presentes se comprometeron a difundir o traballo de campo para promover a participación activa nas enquisas e na recollida de información previa. 

Convén lembrar que o traballo de campo inclúe realizar 1.000 enquisas telefónicas a persoas que viven nas parroquias, co obxecto de coñecer o parecer do 5% dos habitantes das parroquias (arredor do 20% das vivendas do rural), con preguntas relativas a motivo das viaxes, horarios, medios de desprazamento… 

Tamén está previsto que se fagan enquisas en puntos “tractores” da mobilidade que serán o centro de saúde de Lérez, o centro de saúde da Parda, a Casa do Mar, o Concello, a estación de autobuses e a sede administrativa da Xunta en Campolongo. O cuestionario será similar aos anteriores: destino/orixe da viaxe, motivos, medios de transporte… 

Este estudo está coordinado pola UTE MCRIT S.L. Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega, adxudicataria do estudo de explotación do transporte a demanda, e inclúe outras accións encamiñadas a analizar a mobilidade entre a cidade e as parroquias, como a ocupación nos aparcadoiros de bordo, o aforamento da cidade, ou enquisas a condutores no centro urbano.

Fondos FEDER 

Os estudos e as aplicacións dixitais do transporte a demanda están sendo desenvolvidas ao amparo da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) Máis modelo, Pontevedra, financiada polo Programa operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020. 

O estudo e proposta de explotación do transporte a demanda foi adxudicada á UTE MCRIT S.L – Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega por 76.683,75 euros, e cunhas melloras de 37.500 euros.