O Concello iniciará neste ano as obras de mellora en viais da Peralba e de Rial a Rorís- A Meán-Liñares

77
  • Estas obras están incluídas na modificación de crédito aprobada no pasado Pleno, que reserva para actuacións no rural un total de 3.065.493,12 euros
  • Ademais das obras nestes lugares de Marcón e de Lourizán, tamén están previstas melloras nas parroquias de Lérez, Mourente e A Canicouva

O concelleiro responsable de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, informou esta mañá de dúas das grandes obras que se van acometer este ano no rural con cargo á modificación de crédito aprobada na pasada sesión plenaria. Trátase das obras de mellora en viais de A Peralba, na parroquia de Marcón, e nos viais de Rial a Rorís-A Meán-Liñares, na parroquia de Lourizán. 

Alberto Oubiña aproveitou para lembrar que “a comezo deste mandato falabamos de que investiriamos preto de 100 millóns de euros no rural, unha cifra moi alta que vai estar destinada a mellorar a calidade de vida da veciñanza que reside nestas parroquias”. Neste contexto situou os 3.065.493’12 euros consignados na última modificación de crédito para investir nas dúas obras mencionadas en Marcón e Lourizán, ás que se lle engadirán actuacións en Lérez, Mourente e A Canicouva.

Sobre a actuación prevista en A Peralba, o concelleiro explicou que supón “o peche das actuacións relacionadas con este lugar da parroquia de Marcón”. As obras de mellora realizaranse nunha vía de preto de 2 km que dá acceso ao lugar e que inclúe a ponte sobre o río Reigosa. 

Actuarase desde o cruzamento coa estrada PO-532 ata o núcleo de poboación, acometendo o pavimentado de todo o vial, saneando zonas complexas nas que se ten detectado ‘pel de cocodrilo’ (unha serie de fisuras interconectadas causadas pola acción da fatiga na superficie do pavimento), incorporando recollida de pluviais, calmado de tráfico en toda a vía, e bandas de protección de dobre onda. Ademais a actuación na ponte implica que se desmonte a existente para refacela de novo, substituíndo so actuais módulos. Esta actuación supón un investimento de 564.248’34 €.

Alberto Oubiña lembrou que, no lugar da Peralba nos últimos anos, se executou o saneamento cun investimento de 130.936,27€, o pavimentado do núcleo coa construción de rede de pluviais, que ascendeu a 163.993,45€, e a instalación de alumeado LED en todo o núcleo para mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade na zona, cun investimento de arredor de 30.512€. Así, cifrou os investimentos na Peralba en 889.690,06 € nos últimos 2 anos.

En canto ás obras do vial de Rial a Rorís-A Meán-Liñares, na parroquia de Lourizán, informou que se trata da continuación da obra iniciada por Nexia e que fóra parada antes de rematar a súa execución. Explico que daquela, o proxecto inicial contemplaba a actuación nos lugares de Rial ata Rorís e na Meán e que ascendía aos 184.000 €. 

Agora, con este novo proxecto, amplíase o ámbito de actuación e expándese a máis puntos, como a rúa Liñares. Indicou qu esta rúa, pegada ao ámbito de actuación, será ampliada grazas a unha cesión de terreos por parte da veciñanza, ata acadar os 6,5 metros de largo. Deste xeito, gáñase unha nova zona de acceso e saída dos lugares cara a PO-546. Tamén se actuará nas escaleiras “do santo”, na rúa Rial e na zona das Nogueiras. Realizarase o pavimentado de toda a rúa, recollidas de auga e canalizacións non previstas a suxestión da veciñanza, o pintado e a sinalización de todos os tramos e muros de sostemento na zona da rúa Liñares. Todas estas actuacións suman un orzamento de licitación de 455.190’94 €.

Por último, Alberto Oubiña indicou que estas actuacións veñen sumarse ás que xa se están a executar con fondos propios actualmente, como o núcleo de centralidade dos Campos e núcleo de centralidade de Tomeza, ás que se van a licitar proximamente, como o núcleo de centralidade de Marcón, así como ás obras incluídas dentro do contrato da auga e ás que se están a realizar co contrato de sostemento de espazos públicos rurais.