Uns 300 atletas competirán este domingo 30 de maio no II Encontro Interclubes coa vista posta nos Campionatos Galegos de categorías inferiores

98
  • O evento está organizado polos clubs Atletismo Rías Baixas, Atletismo Redondela e Deportivo Pinarium en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Atletismo
  • A competición desenvolverase nas pistas do Centro Galego de Tecnificación, dará comezo ás 10:00 horas coa proba de peso e concluirá ás 13:30 horas coa de velocidade de 100 metros

Coa vista posta nos Campionatos Galegos de Atletismo de categorías inferiores que se disputarán no mes de xuño, arredor de 300 atletas que aínda non acadaron a súa marca mínima ou que non puidesen participar nas probas disputadas ata a data por mor das limitacións impostas pola Covid-19 terán esta fin de semana, no II Encontro Interclubles, unha inmellorable oportunidade nas pistas do Centro Galego de Tecnificación (CGTD). O evento, organizado polos clubs Atletismo Rías Baixas, Deportivo Pinarium e Atletismo Redondela en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Atletismo (FGA), contará esencialmente coa participación de atletas destes tres equipos galegos, podendo aceptar a concorrencia de deportistas doutros clubs no caso de quedar prazas libres.

Segundo avanza o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o II Encontro Interclubes celebrarase o domingo 30 maio, dando comezo ás 10:00 horas coa proba de peso, e concluíndo ás 13:30 horas coa de velocidade de 100 metros lisos”. “Entre medias -explica o edil socialista- desenvolveranse multitude de competicións atléticas que con toda seguridade permitirán acadarán unha morea de marcas mínimas e, sobre todo, que os nosos atletas mozos poidan desfrutar dunha mañá de deporte e de atletismo nunhas instalacións tan axeitadas e con tantas posibilidades como as do CGTD de Pontevedra”.

Tal e como subliña o tenente de alcalde, “ao igual que outros que se celebraron con anterioridade, este evento realizarase baixo unhas estritas medidas de seguridade e un protocolo de actuación aplicado polos organizadores en base ás normas da Federación Galega de Atletismo a raíz da pandemia da Covid-19”. Neste sentido, Tino Fernández lembra que “as experiencias previas de competicións impulsadas polo Club Atletismo Rías Baixas e a Sociedade Ximnástica rexéronse por uns protocolos tan milimétricos, exhaustivos e pulcros que supoñen un verdadeiro exemplo de xestión de probas deportivas a nivel estatal”.