A cidade inicia o camiño para converterse en epicentro mundial da gastronomía coa creación da marca ‘Pontevedra Capital Gastro’

1334
  • O proxecto ponse en marcha cunha Mesa da Gastronomía cun comité de expertos e unha Banda Cociñas de Pontevedra, unha sorte de ‘dream team’ composto por chefs locais
  • Entre as iniciativas inclúense a organización do Foro Hospitality Eixo Atlántico, a aceleradora Capital GastroLab, a Festa das Cunchas 2021, o Avoa Fest e a I edición de Mestizaxes

Impulsar os sectores turístico e hostaleiro e a industria de alimentación, visibilizar o prestixio e calidade dos nosos produtos e dotar aos negocios locais dunha potente ferramenta de venda son algúns dos principais obxectivos que a Concellería de Promoción Económica e Turismo pretende acadar coa creación da marca ‘Pontevedra Capital Gastro’. O proxecto, desenvolvido en colaboración coa firma Carta Blanca e a plataforma #PonteLovers, inclúe a posta en marcha da Mesa da Gastronomía, un comité de expertos locais que trazarán a folla de ruta da marca; a Banda Cociñas de Pontevedra, composta por cociñeiros e cociñeiras pontevedreses que defenderán e representarán á gastronomía da cidade en diversos gastroeventos; a organización do Foro Hospitality Eixo Atlántico; a activación dunha aceleradora e incubadora de iniciativas denominada Capital GastroLab, e a celebración de tres grandes eventos gastronómicos: a Festa das Cunchas 2021, o Avoa Fest e a I edición dos encontros ‘Mestizaxes, cociñas de ida e volta’. 

Baixo o selo ‘A cidade cómese’, a iniciativa foi presentada esta mañá na Casa da Luz nun acto conducido pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e no que tamén se deu a coñecer o fantástico vídeo da campaña promocional, dirixido por Abel Bonilla e editado polo prestixioso director de fotografía Alan Grey. Presidindo unha mesa adornada ao xeito da dun restaurante, nun decorado cunha gran pancarta, un stand cun rótulo da nova marca e catro carros de verduras frescas, botellas de viño, conservas vexetais e caixas de marisco, a edil socialista estivo arroupada polo tenente de alcalde, Tino Fernández; os concelleiros Iván Puentes e Marcos Rey; @s responsables de Carta Blanca, Elena Vitoria, Marga Pazos e Tomás Torres; e os cociñeiros do equipo de elite da Banda Cociñas de Pontevedra, aos que, ao xeito dun All-Star Game, foi chamando un a un polos seus nomes: Marta Santiago, de A Fervella; Adrián Redondo, de Alcrique; Pablo Romero, de Bagos; Carlos Barreira, de Bocarte (que aparece no vídeo promocional); Carmen Canabal, de Causa Street Food; Rubén González Vallejo, de El Cafetín; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marcos Romero, de Mar de Fóra; Marta García, de Meigas Fóra; Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña; Sergio Roma, de O Souto, e Toño Mora e Andrés Muñoz, de Padal da Santiña (todos eles ataviados coas chaquetillas e máscaras especialmente confeccionadas para este ‘dream team’ polas firmas Story e Sergraf, a Praza da Verdura foi hoxe escenario da súa primeira foto de equipo).

Tal e como subliñou Yoya Blanco, “a Banda Cociñas de Pontevedra está conformada por cociñeiros e cociñeiras da cidade que teñen en común ser propietarios dos seus establecementos hostaleiros e levar adiante un traballo baixo criterios de profesionalidade e calidade recoñecidos”. “O obxectivo -explicou a concelleira- é que se convertan en embaixadores da marca da gastronomía local, ‘Pontevedra Capital Gastro, e que fomenten a unión e as boas prácticas no sector simplemente a través dun traballo ben feito. Tan importantes son e serán os vosos nomes como os dos vosos restaurantes”.

A composición do comité de sabios gastronómicos

Segundo explicou a responsable de Promoción Económica do Concello, “outra das pezas esenciais deste proxecto, co que aspiramos a situar á capital da provincia e das Rías Baixas no lugar que merece, tamén como epicentro e capital da gastronomía autonómica, estatal e, por que non, internacional, é a Mesa da Gastronomía”. Blanco avanzou que o seu comité de expertos reunirase dúas veces ao ano coa finalidade de “marcar a folla de ruta e darlle soporte profesional, académico e teórico á marca Pontevedra Capital Gastro”, e contará con representantes do CIFP Carlos Oroza, Universidade de Vigo, asociacións de hostaleiros, axencias de viaxes, hoteis, vivendas turísticas (como Aviturga), organización de eventos (Aprogabe) e praceir@s do Mercado de Abastos, confrarías de pescadores de Pontevedra e Os Praceres; técnicos de Turismo; Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, e os propios chefs da Banda Cociñas de Pontevedra.

“Aínda que as circunstancias actuais non son as máis favorables para o turismo -sinalou Yoya Blanco- a creación da marca é imprescindible nestes momentos para reimpulsar a economía local e, nos vindeiros anos, cando saiamos deste túnel, para converter Pontevedra en referente do turismo gastronómico. Queremos manter uns valores de solidez, buscando a calidade, o control, a formación e a mellora continuas; achegando responsabilidade; promovendo a economía circular e a sostibilidade; dando recoñecemento aos nosos recursos naturais, aos produtos Km 0 e ao autóctono, ás nosas tradicións e historia”.

Trala proxección do vídeo promocional en dous televisores de 43 pulgadas, a concelleira de Promoción Económica procedeu a anunciar os principais programas que se levarán adiante neste 2021. Estreará o calendario a Festa das Cunchas, unha festividade gastrocultural que se celebrará entre o 17 e o 27 de xuño e que terá como protagonistas os mariscos de cuncha que temos na nosa ría: berberechos, ameixas, escupiñas, navallas, zamburiñas, vieiras, ostróns e mexillóns. Yoya Blanco avanzou que a festa incluirá, entre outras accións, “unhas rutas de tapeo, unhas xornadas gastronómicas con menús baseados nestes mariscos (deseñados polos establecementos da Banda Cociñas de Pontevedra), un premio gastronómico, un paseo en dorna pola ría e unha Batalla das Cunchas”.

Do 22 de xullo ao 1 de agosto terá lugar o Avoa Fest, unha festa para a cidadanía, coa que se pretende, como apuntou a socialista, “recuperar o patrimonio gastronómico de Pontevedra a través da herdanza das receitas familiares, nunha homenaxe a tódalas mulleres que gardaron esta memoria culinaria cos seus receitarios: as avoas”. Xa en setembro, entre os días 20 e 24, desenvolverase a I edición de ‘Mestizaxes, cociñas de ida e volta’, na que cada xornada producirase un encontro no que un chef da Banda Cociñas de Pontevedra entrevistará a outro cociñeiro que marchou e retornou, o vén doutro país e trouxo outros sabores que mesturou cos propios; e unha degustación de tapas elaboradas polos protagonistas.

A celebración do Foro Hospitality Eixo Atlántico en outubro, con conferencias e mesas redondas, e a creación do Capital GastroLab, cun comité de expertos e unha aceleradora/incubadora de proxectos, porán a guinda a este 2021 de lanzamento da marca ‘Pontevedra Capital Gastro’. 

Yoya Blanco incidiu na importancia deste proxecto para “apoiar os sectores do turismo, a hostalería, os aloxamentos e a alimentación neste momento tan complicado; promocionar e difundir os recursos gastronómicos locais e promover a economía circular; consolidar o concepto de hostalería verde, con programas específicos de hostalería sostible e xerando un compromiso cos obxectivos ODS e a Axenda 2030, e potenciar a creación de novos negocios e plan innovadores”.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo pechou o acto dando as grazas a tódalas persoas implicadas neste proxecto e afirmou que, ademais do desenvolvemento do branding de identidade visual, crearase unha comunidade virtual composta por un blog, unha páxina web e unhas redes sociais específicas. Ao igual que tódolos bos equipos precisan dun capitán que os lidere, esta Banda Cociñas de Pontevedra terá tamén unha patroa maior, que non podía ser outra que a propia Yoya Blanco, á que os chefs sorprenderon en pleno acto cun agasallo que a emocionou e encheu de orgullo: a chaquetilla que a acredita como patroa.

Co primeiro plantel posaron tamén para a foto de equipo o realizador Abel Bonilla e dúas das protagonistas do vídeo: Renata Solla e Carmen Balea (a avoa mariscadora que aparece nos primeiros planos).