A compostaxe protagoniza o Día Mundial do Medio Ambiente a pé de rúa

12
  • O alcalde pon en valor a ‘colaboración excepcional’ da veciñanza coas diferentes modalidades de compostaxe que o Concello ten en marcha tanto na cidade como nas parroquias  
  • Durante a xornada de hoxe permanece instalada unha carpa na praza da Peregrina para informar sobre o tratamento de residuos domésticos, que volverá colocarse os venres e 4 e 11 de xuño

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro responsable da Xestión de Residuos, Raimundo González, realizaron esta mañá unha visita á carpa instalada na praza da Peregrina, na que o Concello ofrece á cidadanía información sobre as distintas modalidades de tratamento de residuos domésticos, tanto a través da compostaxe individual como da comunitaria e do Plan Composta (colector marrón). Durante a visita, Fernández Lores quixo salientar “a nosa satisfacción” coas compostaxe no conxunto do Concello porque, asegurou “hai un comportamento de colaboración excepcional por parte dos cidadáns”.

O alcalde mencionou as tres modalidades de compostaxe que o Concello ten en marcha neste momento, lembrando que na compostaxe individual no rural “temos unha distribución de composteiros de dous tercios dos domicilios”; que na compostaxe comunitaria “estase producindo un compost de altísima calidade, pola correcta separación de residuos que a xente fai e tamén polo traballo dos mestres composteiros”; e que na campaña de adhesión ao contedor marrón a resposta tamén está sendo positiva posto que “a medida que imos incrementando as rúas nas que se implanta este servicio a xente estase anotando”.

O alcalde aproveitou para salientar que “o Concello de Pontevedra ten no seu ADN o respecto polo medioambiente, a loita contra o cambio climático e a recuperación dos residuos municipais e nesa liña estamos traballando para cumprir directivas europeas que cremos que son absolutamente razonables”, ao tempo que indicou que “estamos en condicións de cumprir con esas directivas porque levamos xa algúns anos traballando moi seriamente neste tema”. Tamén insisitiu en que a colaboración da veciñanza coa compostaxe é “traballo comunitario de axuda para recuperar o medio ambiente e loitar, dalgunha maneira, contra o cambio climático”.

A instalación da carpa na praza da Peregrina enmárcase nas actividades a pé d e rúa coas que o Concello conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente. Nesta carpa, que volverá a instalarse no mesmo punto os venres 4 e 11 de xuño, en horario de 11:30h a 14h e de 17h a 20h, ofrécese información sobre as distintas modalidades de tratamento de residuos domésticos, co obxecto de que as persoas que aínda non participan en ningunha das modalidades de compostaxe poidan inscribirse. Ademais, entrégaselles un saquiño de compost e unha planta aromática de uso culinairo (alfavaca, hortelá, romeu, menta, salvia, ourego, coandro, melisa, lavanda, santolina ou tomiño).