Yoya Blanco entrega os diplomas aos 21 alumnos participantes na IV edición de Pontevedra Rodando durante a estrea dos proxectos realizados no curso

78
  • O evento, celebrado esta tarde no Teatro Principal, supuxo a premier dos traballos audiovisuais ‘Conectados’ e ‘O loro e o pirata’, elaborados nesta edición impartida 100% online
  • O resultado do curso foi un falso documental sobre o loro Ravachol e o seu pasado corsario unido a Benito Soto e un mosaico de gravacións vencelladas ao encerro e a pandemia

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu esta tarde no Teatro Principal o acto de entrega de diplomas aos 21 alumnos participantes na IV edición do programa municipal Pontevedra Rodando, impulsado polo Concello e impartido polos profesionais do sector audiovisual Pablo Cacheda (realización e imaxe), David Lagares (son) e Santi Romay (interpretación).  No evento foron presentadas as dúas pezas audiovisuais nadas durante o curso: un proxecto titulado ‘Conectados’, consistente nun mosaico de proxectos individuais de cada alumno, gravados nas súas casas e unidos pola temática común da pandemia e o encerro; e outro chamado ‘O loro e o pirata’, un falso documental en clave de comedia sobre o loro Ravachol e o seu pasado corsario vencellado a Benito Soto.

Ademais da estrea destes traballos finais, totalmente ideados polo alumnado e adaptados á situación de pandemia tanto en temática como en técnica, os asistentes ao acto tamén puideron desfrutar dun orixinal  e simpático making of desta edición de Pontevedra Rodando, impartida por primeira vez 100% online. A concelleira Yoya Blanco amosouse “gratamente abraiada pola altísima calidade dos proxectos presentados, nos que, guiados por estes excepcionais mestres que son Pablo Cacheda, Santi Romay e David Lagares, os alumnos e alumnas foron quenes de asumir tódalas funcións da gravación e o desenvolvemento da peza”. 

“Á dificultade de realizar un proxecto audiovisual por primeira vez -apuntou a socialista- engadiuse este ano a da aprendizaxe virtual”.

O curso impartiuse en 12 sesións online para 2 grupos de alumnos diferentes (6 sesións por grupo). Cada un deles encargouse de elaborar un dos dous proxectos. Os participantes teñen idades que van dos 14 aos 65 anos e os máis diversos intereses e profesións. 

Nas súas catro edicións, Pontevedra Rodando traduciuse na realización de máis de dez pezas audiovisuais amateur, en cursos aos que asistiron máis de 80 alumnos e alumnas de tódalas idades.