O Concello instala 4 novos redutores de velocidade na Rolda Leste

15
  • As medicións realizadas pola Policía Local detectan que a velocidade media de circulación por esta vía supera amplamente os 30 km/h 
  • O 90% dos vehículos que circulan por este vial superan o límite de velocidade establecido

A vindeira semana está previsto que comecen as obras para instalar elementos de calmado de tráfico na Rolda Leste, toda vez que se ten detectado que a velocidade media de circulación por esta vía supera moi amplamente os 30 km/h estipulados para as vías municipais. Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nesta estrada, o Concello instalará catro novos elementos de redución de velocidade, concretamente 3 lombos e 1 paso de peóns sobreelevado.

Esta decisión tómase tras as medicións realizadas por parte da Policía Local para obter datos de intensidades medias diarias (IMD) e velocidade tomando como referencia tres días signficativos da semana: un venres por ser o día que rexistra as máximas intensidades circulatorias, un sábado por ser un día de transición entre máximos e mínimos, e un domingo como referencia de  intensidades mínimas, por ser o día habitual de lecer para a maioría da cidadanía. A velocidade media nas tres xornadas supera os 30 km/h, situándose en 50 km/ de media o venres e o sábado, e en 55 km/h o domingo.

Datos por xornada

  • Venres:
    • O rango de vehículos por sentido circulatorio atópase na franxa entre os 2.200 e os 2.900 vehículos/día, sendo a IMD de 5.052 vehículos/día
    • A velocidade media rexistrada sitúase en 50 km/h 
    • A velocidade máxima rexistrada nesta xornada foi de 124 km/h ás 18:47h
    • O 88,06% dos vehículos superaron os 30km/h (4.449 vehículos), dos cales o 48,63% superaron os 50 km/h (2.457 vehículos), e o 0,14% superaron os 100 km/h (7 vehículos)
  • Sábado:
    • O rango de vehículos por sentido circulatorio atópase na franxa entre os 1.600 e os 2.250 vehículos/día, sendo a IMD da vía para esta xornada en 3.841 vehículos/día, 
    • A velocidade media rexistrada sitúase en 50 km/h. 
    • A velocidade máxima rexistrada nesta xornada foi de 103 km/h ás 20:32h.
    • O 94,40% dos vehículos superaron os 30km/h (3.626 vehículos), dos cales o 73,11% superaron os 50 km/h (2.808 vehículos), e o 0,13% superaron os 100 km/h (5 vehículos)
  • Domingo:
    • O rango de vehículos por sentido circulatorio atópase na franxa entre os 1.000 e os 1.600 vehículos/día, sendo a IMD da vía para esta xornada en 2.695 vehículos/día, 
    • A velocidade media rexistrada sitúase en 55 km/h. 
    • A velocidade máxima rexistrada nesta xornada foi de 98 km/h ás 08:17h
    • O 99,85% dos vehículos superaron os 30km/h (2.691 vehículos), dos cales o 69,80% superaron os 50 km/h (1.881 vehículos). Non se rexistraron vehículos que superaran os 100 km/h nesta xornada