Comeza o tratamento dos areais do Concello para que estean listos para o verán

49

A praia de Ponte Sampaio xa dispón de vestiarios con baño e nos vindeiros días decidirase se é preciso achegar area ou non, e a contratación de socorristas.

En Lourizán tamén se farán traballos de limpeza e incorporación de area.

O Concello iniciou nestes días o acondicionamento dos areais do ámbito rural de Pontevedra para que estean listos na época estival. Achegas de area, limpezas, socorristas, casetas de baño e vestiarios… son algunhas das medidas que se están a poñer en marcha xa nalgún destes espazos.

En Ponte Sampaio o Concello xa instalou dúas casetas de baño con vestiarios que se abrirán o vindeiro martes, 1 de xuño e estarán ao servizo de todos os usuarios da praia fluvial do Verdugo até finais do mes de setembro.

Estes baños estarán atendidos por unha empresa que fará limpeza diaria neles e recollerá o lixo das papeleiras do espazo de lecer da Xunqueira.

O Concello tamén analiza se é preciso achegar area, decisión que se adoptará nos vindeiros días; e a contratación de socorristas para a velar pola seguridade do areal durante o verán, xa que é un dos espazos máis concorridos do Concello.

Paralelamente, tamén traballa no acondicionamento do areal de Lourizán (a praia da Posta). Estase a contratar a achega de area e tamén a limpeza integral á que se somete este areal na véspera do verán para que poida ser empregado polos veciños e veciñas en óptimas condicións.