En marcha a VIII edición de Pontenciencia con diversos talleres e as primeiras visitas do xurado nos CEIP A Xunqueira II, CIFP A Xunqueira e IES A Xunqueira I

109

A VIII edición do programa Pontenciencia púsoxe esta mañá en marcha cos xa tradicionais obradoiros científicos e as primeiras avaliacións do xurado nos CEIP A Xunqueira II, CIFP A Xunqueira e IES A Xunqueira I. No proxecto, promovido pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra e a Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) co obxectivo de contribuír a desenvolver un pensamento crítico e crear mentes investigadoras, participan un total de 17 de centros educativos e 8 familias que presentarán 47 investigacións ata o vindeiro 5 de xuño.

No CEIP A Xunqueira II, ademais de expoñerse diversos traballos ao xurado, o alumnado de 6º curso desfrutou esta mañá dun taller de ‘Cerámica prehistórica e lume ao longo da historia’, no que aprenderon a realizar cacharros cerámicos prehistóricos individualmente a través da técnica de ‘pinch pot’, así como a facer lume mediante unha exhibición na que se examinou a súa realización ao longo da historia (Paleolítico, Idade do Ferro e Idade Media). No IES A Xunqueira I tiveron lugar os seguintes obradoiros: ‘Desenvolvemento Web, como funciona o Internet’, no que se deu aos alumnos de 4º da ESO a posibilidade de entender como funcionan as páxinas web e que tecnoloxía teñen detrás; ‘A mitoloxía galega: un mundo por descubrir’, para os de 2º da ESO, unha actividade didáctica ao redor do patrimonio inmaterial galego na que se aborda dun xeito ameno e accesible o mundo das lendas, os seres míticos e as crenzas vencelladas á nosa literatura oral, e ‘Laboratorio musical electrónico’, taller sonoro de creación de música electrónica para 2º da ESO.

Para esta tarde están previstos un novo obradoiro de ‘Cerámica prehistórica’ no IES A Xunqueira I (entre 16:40 e 18:10 horas) e unha charla de Ana Cao no CIFP A Xunqueira titulada ‘O xénero nos ollos’ (de 17:00 a 17:50 horas), sobre a representación da muller na publicidade (resultado do traballo dun grupo de investigadoras da Universidade de Vigo que estudan a representación do xénero nos libros de texto e a publicidade).

Segundo avanza o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, as actividades de Pontenciencia 2021 “continuarán mañá no IES Vallé Inclán, con visita do xurado (9:30 a 10:00 horas) e talleres de Desenvolvemento Web (de 9:50 a 11:30 horas e de 12:00 a 13:40 horas) e Laboratorio Musical Electrónico (de 9:50 a 11:30 horas e de 12:00 a 12:50 horas); no IES Frei Martín Sarmiento, con visita do xurado de 10:30 a 11:00 horas e un taller sobre ‘As árbores senlleiras de Galicia’ (de 19:40 a 20:30 horas), e no CFEA de Lourizán con este último taller (de 17:00 a 17:50 horas)”.