As Escolas Asociadas da Unesco impulsan en Pontevedra a Educación para o Desenvolvemento Sustentable co gallo do Día do Medio Ambiente

41
  • O Pazo da Cultura acollerá o luns 5 de xullo un encontro de profesores dos 15 centros galegos da rede co obxectivo de compartir experiencias e programar novos proxectos
  • Tino Fernández subliña o compromiso das oito Escolas Asociadas pontevedresas a prol das boas prácticas educativas, a sostibilidade e a concienciación sobre o coidado do planeta

O profesorado dos 15 centros educativos de Galicia pertencentes á rede de Escolas Asociadas da Unesco (Rede PEA) reunirase o sábado 5 de xullo no Pazo da Cultura co obxectivo de compartir experiencias educativas e programar novos proxectos nos ámbitos da Educación para o Desenvolvemento Sustentable e a Educación para a Cidadanía Mundial. O encontro, que busca reforzar a rede ao rematar o curso avaliando os proxectos realizados, consensuando novas propostas comúns e mellorando as iniciativas, servirá de colofón ás accións programadas polas Escolas Galegas para conmemorar, como cada ano, o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, dedicado en 2021 á Restauración dos Ecosistemas (xornada marco para o lanzamento do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas) e que as escolas celebrarán nos seus respectivos centros.

Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, a rede do Plan de Escolas Asociadas da Unesco “é unha rede mundial que conta con máis de 11.500 centros educativos en 182 países” e na que “están integradas 15 escolas galegas (colexios, institutos, conservatorios e unha facultade), 8 delas pontevedresas, que teñen o compromiso de favorecer boas prácticas educativas e de integrar nas súas programacións a Educación para o Desenvolvemento Sustentable”. “O seu alumnado e profesorado -sinala o socialista- está comprometido coa sostibilidade, traballando en proxectos neste eido durante varios cursos escolares e desenvolvendo prácticas diarias que parten da reflexión para chegar ao coñecemento que deriva na concienciación sobre o coidado do planeta”.

Segundo apunta Susi Enguídanos, coordinadora de Escolas Asociadas da Unesco, “os alumnos plantan árbores uns días, outros limpan a súa contorna ou cultivan o seu horto, ao tempo que se conciencian sobre a importancia dunha boa alimentación para a saúde e aprenden o que supón un consumo responsable”. “Todas estas accións -explica- teñen unha base teórica na Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), polo que o alumnado coñece cada un dos dezasete obxectivos e sabe asocialos tanto á súa práctica educativa como á súa vida. Ademais, colaboran en programas medioambientais do Concello de Pontevedra e outros proxectos como Residuos Cero, merendas saudables ou Trash Hack, da Unesco, entre outros”.

Enguídanos asegura que a finalidade destes proxectos sociais e de aprendizaxe “é a formación dunha cidadanía responsable que desenvolva un estilo de vida que favoreza o benestar das persoas e, por suposto, a conservación do medio ambiente”. A coordinadora lembra que os 15 centros que forman parte da rede na nosa cidade e que “merecen unha consideración pola súa implicación en temas medioambientais” son os pontevedreses CEIP Manuel Vidal Portela, Cabanas (Salcedo) e Plurilingüe San Benito de Lérez; CEP Campolongo e Marcos da Portela; IES Luis Seoane; Conservatorio de Música Manuel Quiroga e Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e mailos CEIP Isidora Riestra de Poio, CPI O Toural de Vilaboa, CPR Eduardo Pondal de Cangas, IES Pazo da Mercé de As Neves, IES Pedra da Auga de Ponteareas, Conservatorio Municipal Víctor Ureña de Redondela e CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo (A Coruña).

Proxecto Desplastifícate

Entre as iniciativas promovidas polas Escolas Asociadas da Unesco inclúese o Proxecto Desplastifícate, xurdido no marco do XXXI Encontro do Profesorado celebrado en Benidorm en xullo de 2018, dentro do grupo de Desenvolvemento Sustentable, e iniciado no curso escolar 2018/2019 co gallo da celebración do Día do Docente (5 de outubro). A proposta, baseada na Axenda 2030 e os ODS, contemplou diversas accións encamiñadas a eliminar botellas e envases de plástico (empregando unha botella reutilizable na escola tódolos días e bolsas de teas para as merendas), a eliminación total de residuos no recreo, o impulso da compostaxe e a creación de hortas escolares. “Todas estas accións -afirma Susi Enguídanos- acompáñanse sempre dunha reflexión para tomar conciencia da responsabilidade que cada un de nós ten no coidado do planeta Terra”.

O Proxecto Desplastifícate púxose en marcha coa creación dun kit que percorreu as escolas cunha mascota chamada Plastiquín (realizada polo alumnado do CEIP Magranet de Tavernes, Valencia) e acompañado dunha carta na que se convida ao alumnado á preservación do medio ambiente con accións que contribúan á redución dos plásticos. A coordinadora de Escolas Asociadas da Unesco en Pontevedra indica que “o éxito foi tan grande que tivemos que crear unha segunda mascota, desta vez unha Plastiquina (deseñada polo alumnado de Infantil da Escola Montessori de Tenerife) e, coa finalidade de que o kit circulase máis rápido, mesmo fixemos unha terceira (obra dos alumnos de Educación Especial do colexio Gloria Fuertes de Andorra, municipio de Teruel)”.

Nestes momentos, o primeiro Plastiquín fai a súa xira polas Escolas Cubanas Asociadas da Unesco, a segunda mascota está percorrendo as Escolas Asturianas e a terceira fai a súa viaxe polas Escolas Andaluzas.