O Concello traslada á veciñanza a previsión de grandes obras para a cidade

14
  • Concelleiros e concelleiras de obras urbanas e rurais manteñen unha xuntanza con representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao para ofrecer información sobre as actuacións previstas na praza de Barcelos, na Santiña e en Monte Porreiro

As obras previstas con cargo á modificación de crédito aprobada no último pleno serán o tema central da xuntanza que esta tarde manterán os concelleiros e concelleiras de obras urbanas e rurais con representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao. Segundo explicou o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, trátase dunha xuntanza para ver o estado de situación das obras programadas e as que están en marcha actualmente, e que coincide co balance que esta mañá se fixo no marco da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. 

Demetrio Gómez explicou que a modificación de crédito permite a tramitación de catro novas obras, das que o Concello está rematando de redactar os proxectos de execución. Concretamente, trátase da primeira fase da reforma integral da praza de Barcelos, que inclúe a reforma de toda a vía perimetral da praza, o traslado do transformador fóra do recinto do colexio de Barcelos, e o deseño do novo patio escolar; da reforma integral da rúa da Santiña, que implica dotar a rúa de plataforma única cun pavimento continuado para unificar a intervención, incluíndo varias zonas arboradas e zonas de estancia; e o proxecto de Monte Porreiro para crear unha grande praza no cruzamento das rúas Italia, Alemaña e Bélxica. Tamén se está rematando o proxecto de execución da reforma da rúa Rosalía de Castro, co obxectivo de poder comezar a executala unha vez se remate o ‘by pass’ que unirá esta rúa coa avenida de Marín e que se realizará a través dun convenio coa Deputación.

Sobre as obras que están en marcha neste momento, o concelleiro salientou a actuación na rúa Loureiro Crespo, da que asegurou que “vai a bo ritmo”, e que continuará cara a zona do Castañal toda vez que rematen os traballos na propia Loureiro Crespo. Tamén se referiu ao novo vial de acceso aos Campos, cuxo prazo de execución vén de ser prorrogado, e que no día de hoxe está sendo asfaltado e no que se están a iniciar os traballos de colocación do novo alumeado. Tamén menciou as tres actuación rematadas desde a última Comisión de Mobilidade: a rúa da Torre, o acceso ao apartacadoiro do IES Torrente Ballester e o cruzamento das rúas Benito Corbal, Cobián Roffignac e Daniel de la Sota.

Na xuntanza coa Federación de Asociacións de Veciños Castelao tamén está previsto informar das actuacións programadas no rural con cargo á modificación de crédito e que inclúen obras de mellora en viais de A Peralba, na parroquia de Marcón, e nos viais de Rial a Rorís-A Meán-Liñares, na parroquia de Lourizán; ás que se lle engadirán actuacións Lérez, Mourente e A Canicouva.