A actualización do catálogo de edificacións e bens a conservar supera a primeira fase

66
  • O borrador recolle unha listaxe de 388 elementos nesta fase, que se espera incrementar con diferentes achegas en fases posteriores ata os 1.000 elementos

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, informou que se vén de dar conta na Comisión de Urbanismo do documento inicial estratéxido e borrador do proxecto de revisión e actualización do catálogo municipal de elementos a conservar da cidade e do rural. Na mesma Comisión tamén se deu conta da solicitude de inicio de tramitación da Avaliación Ambiental Estratéxica simplicada.

Xaquín Moreda explicou que este borrador inclúe nesta primeira fase un total de 388 elementos, que se corresponden coas fichas recollidas no catálogo vixente (que data de 1994) ás que se lle engadiron os elementos incluídos en diferentes catálogos da Xunta de Galicia. 

Indicou que a este borrador se incorporarán os elementos xa recollidos para o catálogo do plan xeral que estivera en tramitación e que non fora aprobado, toda vez que se realice o traballo de campo necesario. Tamén lembrou que se incluirá o patrimonio industrial que non figure en anteriores listaxes, así como edificacións representativas da arquitectura contemporánea como o pavillón de Alejandro de la Sota. Así, contabilizando a previsión destas incorporacións, Xaquín Moreda cifrou en ao redor de 1.000 os elementos e bens susceptibles de ser incluídos no documento final.

O concelleiro informou que tras a solicitude á Consellaría do inicio da avaliación ambiental simplificada, o proceso continuará cunha segunda fase na que se elaborará o proxecto que incluiría informe ambiental estratéxico para a súa aprobación inicial con separatas para solicitar informes sectoriais. 

Este proxecto deberá pasar a exposición pública, momento no que se poderían presentar alegacións, relativas a catalogar bens que non aparezan referenciados, descatalogar elementos ou modificar o nivel de protección dalgún elemento ou ben. Tras o período de exposición, pasaríase a unha terceira fase na que se elaborarían os informes ás alegacións e ás observacións dos informes sectoriais. Nesta fase tamén se realizaría a proposta final de Catálogo para a aprobación provisional e final con informe da Xunta.

Xaquín Moreda tamén explicou que, atendendo á Lei 2/2016 do Solo de Galiza, se solicita a avaliación ambiental estratéxica simplicada, e non a ordinaria, por entender que este catálogo supón unha modificación menor do planeamento urbanístico. Neste sentido, indicou que a equipa redactora entende que esta é unha modificación menor do plan por ter só incidencia nos bens do patrimonio cultural e as súas contornas de protección e amortecemento, zonas acoutadas e de reducida extensión; escasa incidencia no medio ambiente xa que reafirma a conservación do patrimonio cultural e do medio natural; e que non constitúe un marco para futuros proxectos xa que este está definido polo planeamento e na normativa urbanística e de patrimonio cultural en vigor. 

O contrato para o traballo de revisión da actualización do catálogo de edificacións e elementos a conservar da cidade e do rural de Pontevedra fora asinado o pasado mes de xaneiro coa UTE Cartafol-Arc. O documento final deberá deberá conter unha listaxe de todos os elementos catalogados, organizados por núcleos e parroquias, a xustificación dos criterios de catalogación, planos de información e situación, unha ficha individualizada de cada elemento catalogado coa descrición gráfica das súas características construtivas e estado de conservación, e definir as contornas de protección