O curso de atención no fogar impulsado por Benestar Social acada a contratación inmediata no SAF de catro das dez alumnas participantes

17
  • O concelleiro socialista Marcos Rey entrega na Casa Azul os diplomas acreditativos do taller formativo, desenvolvido en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades
  • O curso estivo especialmente destinado a persoas en situación vulnerable e con dificultades de inserción no mercado laboral. Rey agarda que outras beneficiarias poidan traballar pronto

Apenas acaban de rematar a súa formación e tres das dez alumnas participantes no curso de atención no fogar impulsado pola Concellería de Benestar Social xa foron contratadas polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e está previsto que unha cuarta se incorpore en breve ao plantel. O éxito do taller, que tivo unha duración de 28 horas (16 teóricas e 12 prácticas) e que se desenvolveu en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades (que presta o SAF no noso concello), foi confirmado esta mañá polo responsable do departamento municipal, o socialista Marcos Rey, que presidiu na Sala Valdecorvos da Casa Azul o acto de entrega dos correspondentes diplomas acreditativos ao alumnado.

Tal e como indicou Rey, “este título pon de manifesto que as ‘diplomadas’ dispoñen de coñecementos de carácter preventivo e asistencial para a atención no fogar de persoas que poidan presentar déficits de autonomía non limitadoras a nivel sanitario, social ou emocional”. O edil do PSOE asegurou que “sen dúbida o curso ofreceu a un grupo de 10 persoas en situación vulnerable e con dificultades de incorporación ao mercado laboral as ferramentas para atender de xeito profesional a persoas maiores e incorporarse a servizos como o SAF pontevedrés”.

O concelleiro de Benestar Social prevé impulsar “máis accións formativas neste eido”, xa que “por unha banda, melloran a empregabilidade e facilitan unha saída laboral, e pola outra, permiten previr e aliviar a perda de autonomía dos nosos maiores, axudándolles a realizar as actividades do día a día e a manter o espazo doméstico en condicións axeitadas de habitabilidade”. Entre os coñecementos e habilidades adquiridos neste curso incluíronse: atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no seu propio domicilio; atención ás necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora da contorna das persoas usuarias e da súa familia; apoio na realización doutras actividades necesarias da vida cotiá e de trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou semellantes;  seguimento das intervencións e/ou atencións necesarias na área da saúde, e actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables. 

As alumnas participantes no curso foron seleccionadas en base aos criterios de prioridade marcados polos Servizos Sociais municipais, asinándose un convenio de prácticas coa empresa Idades, que se comprometeu a incorporar ao alumnado de xeito escalonado ata cubrir o total das prazas. En opinión de Marcos Rey, “nun momento tan complicado como este, no que estamos a facer fronte a unha crise de carácter sanitario e económico, este tipo de accións formativas resultan esenciais para axudar a atopar emprego a aquelas persoas que máis o precisan, en situación vulnerable, con dificultades de inserción laboral e en risco de exclusión social”.

O socialista amosouse convencido de que o SAF contará cunha ‘canteira’ de profesionais “perfectamente preparadas para reforzar un servizo moi importante para as políticas sociais do Concello, especialmente nun contexto como actual e co aumento da poboación envellecida, que demandan unha atención profesionalizada dos dependentes nos seus propios domicilios, en actividades da vida diaria, que lles permita permanecer na súa vivenda, evite o seu illamento social e facilite a súa autonomía”.