O novo mural de ‘O teu cole na historia’ no CEIP San Benito de Lérez homenaxea a Barriga Verde

118
  • A intervención artística amosa a clásica romaría en barcas cara o mosteiro de Lérez, a senda fluvial, o tren pola ponte, un picapeixe buscando almorzo e o que foi o castelo de Cedofeita
  • Trátase da décimo terceira obra realizada no marco do programa impulsado polo concelleiro de Educación, Tino Fernández, en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento

Unha clásica romaría en barcas cara o mosteiro de Lérez, a senda fluvial, o paso do tren pola ponte sobre o río e un picapeixe buscando almorzo conforman a paisaxe plasmada no novo mural que vén de estrearse no CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez. Nun panorama no que tamén pode atoparse o que foi o castelo medieval de Cedofeita, nesta intervención artística, a décimo terceira realizada polo equipo creativo de Polo Correo do Vento no marco do programa da Concellería de Educación ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’, Kike Mauricio e Carlos Taboada quixeron facer tamén unha homenaxe ao veciño de Lérez José Silvent, Barriga Verde, pioneiro do espectáculo de monicreques en Galicia.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, impulsor da iniciativa, amósase “encantado co resultado deste e doutros murais realizados ata a data, tanto desde o punto de vista estético, dotando as paredes dos centros escolares de creatividade e dun fío condutor artístico, como desde a perspectiva didáctica, ao resumir nuns trazos aqueles aspectos máis significativos da historia e a contorna natural e urbana dos colexios”. “As pinturas están a acadar sen dúbida o seu obxectivo de que os alumnos acaden unha maior identificación cos seus centros, coa súa memoria histórica e coa natureza”, sinala o edil do PSOE.

Ata a data, os murais de ‘O teu cole na historia’ adornaron os muros dos CEIP de Cabanas, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Santo André de Xeve e San Benito de Lérez, os CEP Campolongo e Marcos da Portela, a EEI de Verducido. O proxecto, que culminará cunha campaña divulgativa para que o alumnado poida coñecer tamén a historia, personaxes, contorna e elementos patrimoniais e senlleiros dos outros colexios, ten previstas novas intervencións no CEIP San Martiño (Salcedo) e a EEI Fina Casalderrey.