Educación distribúe 1.000 mochilas e 500 bolsas de tea de Pontenciencia entre o alumnado dos centros educativos participantes no proxecto

28
  • Tino Fernández visita o CEIP San Martiño para desfrutar dunha exposición sobre ‘Ese gran descoñecido: o aire’ e repartir o material co deseño exclusivo de Polo Correo do Vento
  • O tenente de alcalde salientou “o abraiante nivel desta presentación científica e doutras investigacións expostas polo alumnado” dos 17 centros de ensino implicados nesta VIII edición do programa

Educación distribúe 1.000 mochilas e 500 bolsas de tea de Pontenciencia entre o alumnado dos centros educativos participantes no proxecto

  • Tino Fernández visita o CEIP San Martiño para desfrutar dunha exposición sobre ‘Ese gran descoñecido: o aire’ e repartir o material co deseño exclusivo de Polo Correo do Vento
  • O tenente de alcalde salientou “o abraiante nivel desta presentación científica e doutras investigacións expostas polo alumnado” dos 17 centros de ensino implicados nesta VIII edición do programa

Pontevedra, 2 de xuño.- Coincidindo coa presenza do xurado avaliador de Pontenciencia no CEIP San Martiño (Salcedo) para examinar a exposición dun traballo de investigación do alumnado titulado ‘Ese gran descoñecido: o aire’, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, achegouse esta mañá ata o seu antigo colexio para desfrutar deste traballo e para participar na distribución do material promocional que o seu departamento está a repartir entre os 17 centros educativos participantes no certame: 1.000 mochilas e 500 bolsas de tea cun deseño exclusivo de Polo Correo do Vento para o seu alumnado e uns 200 libros da biografía de Ricardo Carvalho Calero e da colección Mulleres Galegas (Xela Arias, Matilde Bares, Filomena Dato…) para as súas bibliotecas. Nunha intensa xornada de actividades en diversos centros (CEIP Santo André de Xeve, Marcón, San Benito de Lérez, San Martiño e Ponte Sampaio, CPR Sagrado Corazón de Os Praceres, IES A Xunqueira I e Frei Martín Sarmiento e CFEA Lourizán), na que o programa chega ao ecuador desta VIII edición, o concelleiro socialista, que estivo acompañado por Saleta González e José Rodrigo Dapena, coordinadores do proxecto, e maila directora do centro, Placer Alonso, salientou “o abraiante nivel desta presentación científica e doutras investigacións expostas polo alumnado implicado no proxecto, máxime cando foron desenvolvidas nun contexto sanitario e social tan complicado”.

Fernández, que seguiu con atención as demostracións e explicacións das distintas hipóteses plantexadas polos alumnos do CEIP San Martiño, felicitou aos rapaces pola súa exposición e, unha vez na aula para repartir as mochilas e bolsas, animounos a eles e aos seus compañeiros “a desfrutar estudando e investigando en todos aqueles ámbitos que lles gusten”. “Eu fun alumno deste colexio hai moitísimos anos, cando non había Pontenciencia, e o certo é que é unha ledicia regresar aquí e ver que hai alumnos tan preparados como vós”, díxolles o socialista.

O tentente de alcalde lembrou que o programa promovido polo Concello de Pontevedra e a Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) conta este ano coa participación de case 700 alumnos de Primaria e Secundaria de centros públicos e concertados de Pontevedra (colexios, institutos e centros de FP) e de 8 familias que presentaron un total de 47 propostas aos Premios de Investigación Homenaxe á Muller Investigadora. Tal e como subliñou o tenente de alcalde, “trátase dun proxecto estrela e estratéxico para a Concellería de Educación, esencial para contribuír a desenvolver un pensamento crítico e crear mentes investigadoras”.

Neste Pontenciencia 2021 participan os CEIP San Benito de Lérez, Ponte Sampaio, Marcos da Portela, San Martiño (Salcedo), Marcón, Santo André de Xeve e A Xunqueira II; os CPR Sagrado Corazón de Os Praceres e Sagrado Corazón de Jesús; a Escola de Capataces Forestais de Lourizán; os IES Valle Inclán, Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane de Monte Porreiro, Montecelo, A Xunqueira e A Xunqueira I, e mailo Centro Integral de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira.

Ademais das visitas dos xurados aos CEIP Santo André de Xeve, Marcón, San Benito de Lérez, San Martiño e Ponte Sampaio, ao CPR Sagrado Corazón de Os Praceres e ao CFEA Lourizán, ao longo da mañá e da tarde desenvolveranse as seguintes actividades:

  • ‘A mitoloxía galega: un mundo por descubrir’, unha actividade didáctica arredor do patrimonio inmaterial galego no que se aborda dun xeito ameno e accesible o mundo da mitoloxía galega e lles dá a coñecer aos rapaces o mundo das lendas, os seres míticos e as crenzas vencelladas á nosa tradición oral. Para 6º de Primaria do CEIP de Marcón.
  • ‘Coñecemento do ceo nocturno’, un taller no que os alumnos deben crear un planisferio celeste e aprenden como empregalo para analizar as principais constelacións do ceo nas diferentes épocas do ano. Para rapaces de 6º de Primaria do CEIP Santo André de Xeve e de 5º do CEIP San Benito de Lérez.
  • ‘Reaccións químicas’, obradoiro dirixido ao alumnado de Primaria no que experimentarán diferentes reaccións químicas interesantes. Para estudantes de 6º curso dos CEIP Santo André de Xeve e Ponte Sampaio.
  • ‘Calidade do aire’, no que, coa realización de distintos experimentos científicos, se trata de concienciar ao alumnado de como contaminamos e de que, con pequenos cambios nos nosos hábitos diarios e a través de medidas impulsadas por diferentes gobernos e organismos públicos, podemos acadar unha mellora na calidade do aire. Para alumnos de 5º do CEIP San Benito de Lérez e de 6º do CEIP Marcón.
  • ‘O número áureo: a divina proporción’, un obradoiro participativo para coñecer o número de ouro, tamén coñecido como proporción áurea ou divina proporción, un dos conceptos matemáticos que aparecen unha e outra vez ligados á natureza e á arte. Nel exponse a continua presenza das matemáticas na nosa contorna e vida cotiá, contextualizando a aprendizaxe dunha materia que ás veces resulta allea a nenos e nenas. Para os alumnos de 6º de Primaria do CEIP San Martiño.
  • ‘Xogando coa ciencia a escala’, centrado na experimentación mediante a construción a gran escala, cos conceptos de volume, esforzos estruturais, equilibrios e xogos xeométricos. Para o alumnado de 6º do CEIP San Martiño, 4º da ESO do IES A Xunqueira e 1º de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento.
  • ‘Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios’, unha actividade na que os rapaces aprenden sobre novas tecnoloxías aplicadas á detección e delimitación de incendios forestais a través do software Sentinel. No CFEA Lourizán.
  • ‘SOS á Terra’, un museo científico co lema ‘Prohibido non tocar’, co que se pretende concienciar aos máis cativos sobre o coidado do noso planeta. Expóñense os síntomas que padece a Terra, amósanse os diversos tipos de contaminación, a obsolescencia planificada, a afección aos distintos seres vivos e, xa por último, as medidas que conducirán á salvación da Terra. Para os alumnos de 5º curso do CPR Sagrado Corazón de Os Praceres.
  • ‘Cerámica prehistórica e lume ao longo da historia’, taller no que se aprender a realizar un cacharro cerámico prehistórico individualmente a través da técnica de ‘pinch pot’ e a crear lume mediante unha exhibición que examina a súa realización ao longo da historia: Paleolítico, Idade do Ferro e Idade Media. Para o alumnado de 5º do CPR Sagrado Corazón de Os Praceres.