Mulleres que a historia ocultou protagonizan a terceira peza de Tik Tok do programa ‘A memoria das mulleres’

11
  • A tiktoker María Rúa revisa prexuízos sobre mulleres pioneiras, cuxos méritos ou loitas foron silenciadas ou deturpadas na historia oficial
  • Esta é a terceira das oito pezas que se publicarán ata final de ano co obxecto de difundir a traxectoria de destacadas mulleres pontevedresas entre o público máis novo

A tiktoker María Rúa (@pradorua) vén de publicar o terceiro dos vídeos de Tik Tok que se  están a realizar este ano no marco do programa ‘A memoria das mulleres’. Nesta peza, titulada ‘A cantas coñeces?’, María Rúa enumera unha serie de mulleres pontevedresas que a historia ou ben silenciou ou ben deturpou os seus méritos e loitas, e aproveita para revisar os cualificativos cos que foron coñecidas no seu momento. 

O vídeo comeza coa pontevedresa Dolores Trabado, primeira taxista galgega, á que lle cambia o alcume de ‘machola’ pola cualificación de ‘pioneira’; continúa con María Mendoza trocándolle o alcume de ‘excéntrica’ por ‘intelectual’; e séguelle a represariada Juana Otero, que no seu momento fora considerada ‘roja perigosa’ e á que nomea como ‘vítima inocente’. Tamén recolle a mestra María del Carmen del Valle del Río, que foi coniserada ‘rara’ pola súa maneira de vestir, o que no vídeo se define como ‘ter personalidade’; e a Vasquida García, considerada unha ‘bruxa malvada’, cando en realidade era ‘unha sabia menciñeira’. Como remate elixe unha imaxe dun grupo de mulleres nunha concentración do 1º de Maio en Pontevedra ás que lles troca o alcume de ‘lerchas’ pola cualificación de ‘loitadoras’.

Esta peza enmárcase na filosofía de promover a difusión da loita antifasctista das mulleres así como a traxectoria de destacadas pontevedresas entre o público máis novo e utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade actual. Convén lembrar que esta iniciativa é unha das novidades deste ano do programa ‘A memoria das mulleres’ que desenvolve a Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, e na que participan tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco (@laurafranco111), Leti da Taberna (@letidataberna_) e María Rúa (@pradorua). Ata final de ano publicarán un total de 8 vídeos nas súas contas de Tik Tok. O primeiro vídeo publicárase en abril e tiña como protagonista a Virxinia Pereira e a rúa que o Concello lle dedicou na cidade, vista a través da ollada retranqueira de Laura Franco; e o segundo publicárase en maio, con motivo do Día das Letras Galegas, e correra a cargo de Leti da Taberna.