Os accesos principais do Mercado de Abastos estrean un moderno sistema informático de control de aforo con visualización en tempo real

257
  • A Concellería de Promoción Económica destinou unha achega de máis de 7.000 euros a esta avanzada tecnoloxía de conteo de persoas instalado pola empresa Almas Industries
  • Yoya Blanco explica que o novo sistema proporciona unha precisión dun 95%, achegando unha ferramenta punteira “para converter a Praza nun espazo absolutamente seguro”

O Mercado de Abastos de Pontevedra dispón desde esta mañá dun punteiro sistema informático de control de aforo e conteo de persoas con visualización en tempo real, instalado pola firma especializada en seguridade corporativa Almas Industries nos seus dous accesos principais (que dan ás rúas Serra e á avenida de Bos Aires). A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, destinou unha achega de máis de 7.000 euros a dotar a Praza Municipal desta avanzada tecnoloxía, dotada de cámaras con sensores, monitores de aforo e un software específico de xestión, proporcionando unha precisión do 95% e unha área de detección de ata dous metros.

A propia Yoya Blanco achegouse a mediodía ata o Mercado para supervisar o resultado da instalación e comprobar o funcionamento desta “moderna ferramenta, que permitirá cumprir estritamente con tódalas restricións desta nova normalidade e converter a Praza nun espazo absolutamente seguro, axudando a previr aglomeracións e achegando moita tranquilidade a traballadores e clientes”. “A través dos monitores instalados nas portas de acceso -explica a concelleira do PSOE- podemos obter información do número de xente que hai no interior e do número de persoas ás que está permitido o acceso en función do aforo (que nestes momentos é de 200 persoas). Un semáforo indicaranos se podemos pasar, cando a cor está en verde, ou se debemos agardar, cando está en vermello. Asemade, o sistema computa tamén o número total de saídas e entradas que se produciron ao longo da xornada”.

Tal e como aclara a concelleira de Promoción Económica e Turismo, “para complementar este sistema de vixilancia de aforo, durante as fins de semana e vésperas de festivos pecharanse as portas de acceso laterais, de xeito que neses días nos que se pode producir unha maior afluencia de público exista un control aínda máis exacto”.