A realidade LGTBIQ+ chegará aos institutos e centros de FP de Pontevedra a través dun ciclo de charlas-coloquio impartidas polo autor Nee Barros

7
  • A acción enmárcase dentro da iniciativa ‘Transformando o mundo’, impulsada pola Concellería de Igualdade dentro do programa Pinto e Maragota, e artellarase en torno á obra ‘Identidade’
  • Desenvolveranse a vindeira semana no CIFP Carlos Oroza e os IES Luis Seoane, Montecelo e Sánchez Cantón. Yoya Blanco avanza que están previstas máis charlas en setembro noutros 4 centros

O alumnado dos IES Luis Seoane, Montecelo e Sánchez Cantón e do CIFP Carlos Oroza participará a vindeira semana nunha rolda de charlas-coloquio artelladas en torno á obra de teatro xuvenil ‘Identidade’, que trata as temáticas da diversidade, a liberdade e a realidade trans, e impartidas polo seu autor, Nee Barros Fernández. A acción formativa enmárcase dentro do ciclo ‘Transformando o Mundo’, impulsado pola Concellería de Igualdade dentro do programa municipal Pinto e Maragota co obxectivo de levar a memoria e a realidade LGTBIQ+ aos centros de Ensino Secundario de Pontevedra.

Nesta actividade, trala visualización dun vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=Cf79KXBCIDg), establecerase unha conversa co alumnado a través de preguntas sinxelas e sen xulgar as súas respostas: ‘Como explicariades o que acaba de ocorrer en pantalla?’, ‘Que vos parece?’, ‘Vivistes algunha vez unha situación semellante?’… Partindo das respostas, Nee Barros explicará unha serie de conceptos básicos sobre a realidade LGTB, relacionándoos coa súa obra, sempre a xeito de conversa e buscando a interacción.

Na segunda parte desta charla, o alumnado será o encargado de facer as preguntas, escribíndoas nun papel e plantexando consultas breves que permitirán que as dúbidas concretas sexan resoltas. “Ademais -explica a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco- o anonimato motivará que os rapaces perdan a vergonza, obtendo así mensaxes máis axustadas á realidade, tanto positivas como negativas. Estas últimas non serán criminalizadas, Senón que se pedirá ao propio alumnado que desmonte as opinións discriminatorias, quedando así os conceptos máis asimilados e traballándose a exposición de opinións críticas en voz alta”. 

Segundo precisou Yoya Blanco, “trátase dunha actividade que o autor xa se puxo en práctica no curso 2019-2020 con estudantes de 1º curso de Secundaria do IES Frei Martín Sarmiento” e, debido ao seu éxito, o proxecto foi chamado a participar no II Congreso Pinto e Maragota pola Diversidade Sexual organizado polo Concello de Pontevedra.

O calendario das charlas

As charlas darán comezo o vindeiro luns 7 de xuño no IES Luis Seoane, cunha sesión de mañá, ás 13:30 horas, e outra de tarde, co grupo NeoFem (integrado no Consello da Muller Nova), continuando con outra sesión o mércores 9 ás 9:30 horas no CIFP Carlos Oroza. O IES Montecelo acollerá tres sesións de mañá o xoves 10, mentres que para o alumnado de 3º e 4º curso da ESO do IES Sánchez Cantón desenvolveranse tres quendas (9:00, 10:40 e 11:30 horas) o venres 11. Yoya Blanco avanza que “xa confirmaron o seu interese en celebrar estas charlas-coloquio no mes de setembro o CIFP A Xunqueira e os IES Torrente Ballester, A Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento.

‘Identidade’ (https://editorialgalaxia.gal/produto/identidade/) é unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde ‘equivocado’? Zé, o seu protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo tódolos moldes, Zé será quen de amosarlle a todo o mundo que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón. 

O autor, Nee Barros, ten deseñado incluso unha unidade didáctica sobre o teatro en Pontevedra coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Tamén conta cunha canle de YouTube na que, ademais de divulgación literaria, fai resumos da historia da literatura galega: https://www.youtube.com/channel/UClZ-fWAY2dGzcKXBW5HmlLA.