Lores: “Estou máis ilusionado ca nunca como alcalde de Pontevedra’

53
  • O alcalde fai balance dos dous primeiros anos de mandato e salienta a capacidade do goberno municipal para sacar adiante todos os proxectos previstos a pesares da pandemia, así como a resposta de Pontevedra ante a situación de crise vivida
  • Cualifica o modelo Pontevedra como “un modelo adiantado aos tempos”, que se sitúa como referente mundial para as cidades post-Covid
  • Miguel Anxo Fernández Lores referiuse á compra do convento de Santa Clara “como un soño feito realidade” que, aínda que non estaba nas previsións, é unha das “novas das que máis orgulloso me sinto”

“Fomos capaces de impulsar e executar o volume máis grande de investimentos da historia de Pontevedra” asegurou esta mañá Miguel Anxo Fernández Lores, no marco do balance dos dous primeiros anos de mandato. O alcalde indicou que neste tempo “empregramos todas as posibilidades económicas que estaban á nosa disposición, desde os fondos europeos EDUSI ao contrato da auga, os convenios coa Deputación de Pontevedra ou o uso de remanentes e aforros municipais”. O rexedor pontevedrés aproveitou o ecuador do mandato para salientar a capacidade do goberno municipal para sacar adiante todos os proxectos previstos a pesares da pandemia e, ao mesmo tempo, traballar para paliar os efectos derivados da crise sanitaria.

“Podo dicir sen paliativos que este é o mellor goberno que tivo Pontevedra nas últimas décadas” asegurou Fernández Lores, que insistiu en que “estou especialmente orgulloso da capacidade que Pontevedra está a demostrar para superar unha situación tan adversa como a que vivimos”. Neste contexto non dubidou en afirmar que “estou máis ilusionado ca nunca como alcalde de Pontevedra”, o que todo o traballo realizado nestes dous anos “fai que mire ao futuro coa cabeza alta, coas ideas moi claras e coa certeza de que este proxecto ten moito percorrido”.

Lembrou que “en xuño de 2019, comprometémonos a que este sería o mandato no que queriamos seguir transformando o Concello, mellorando a calidade de vida dos veciños e das veciñas, dotando á cidade, aos barrios e ás parroquias de mellores servizos e equipamentos”. Así, referiuse ao impulso da administración electrónica e a dixitalización dos servizos para “dar unha mellor atención, achegar a administración aos cidadáns e sentar as bases para as próximas décadas”. Mencionou tamén a aposta clara polo medio ambiente e pola loita contra o cambio climático “porque estamos convencidos de que non hai futuro, dinamismo económico, nin emprego que non sexa respectuoso coa conservación do planeta”. Neste apartado, refereiuse á aposta polos parques forestais,á mellora de xardíns e zonas verdes, á da rede de saneamento que chega ao 100% dos núcleos rurais e a de abastecemento público ao 92% da poboación, así como á mellora do servizo de xestión de residuos municipais e da compostaxe.

Ademais do impulso dos proxectos propios, tamén mencionou a colaboración do Concello con obras de interese para Pontevedra que está executanto a Xunta, como a Estación de Autobuses ou o Gran Montecelo.

Fenández Lores fixo unha mención especial á incorporación de Santa Clara ao patrimonio municipal segurando que “foi un soño feito realidade”. Asegurou que “a compra de Santa Clara é das novas das que máis orgulloso me sentín e me sinto de informar aos pontevedreses e pontevedresas nestes 22 anos de alcalde”, a afirmou que, por este motivo, recibe parabéns e felicitacións da veciñanza a diario. 

Xestión da crise sanitaria

Ademais de responder aos compromisos adquiridos ao comezo do mandato, o actual goberno municipal tivo tamén que traballar para paliar os efectos derivados da pandemia. Un esforzo adicional que Fernández Lores cifrou nun gasto específico de máis de 7 millósn de euros, entre a limpeza viaria, de centros de ensino, de parques infantís, os programas Supera20 e Supera21, avadaptación das dependencias municipais á nova normalidade, reforzo de cadro de persoal, colaboración co Sergas na vacinación e nas probas PCR, e sobre todo, reforzo económico, persoal e material dos Servizos de Benestar municipal.

Neste punto, fixo especial fincapé en que “este esforzo foi posible grazas ao traballo de moita xente” e aproveitou para agradecer “o labor e entrega” dos funcionarios municipais, de Protección Civil, da Policía Local, das empresas concesionarias, e a de todos os concelleiros e concelleiras do goberno.

Modelo Pontevedra e rural

“Agora que se fala tanto de resiliencia, vemos que o modelo Pontevedra é un adiantado ao seu tempo” asegurou con respecto á resposta que a cidade puido ofrecer ante a pandemia grazas ao traballo previo de recuperación de espazo público.

Neste sentido, indiciou que “os pontevedreses e pontevedresas podemos dicir que esta pandemia chegou para facernos máis referencia internacional do que xa eramos” e que “nestes tempos incertos, o modelo Pontevedra tamén demostrou que ten infinitas posibilidades que hai que seguir impulsando grazas a instrumentos como a Ordenanza de mobilidade amábel, ao uso dos espazos públicos que permitiu sacar á rúa grandes eventos públicos e actividades culturais ou a ampliación das terrazas para os locais que tanto sufriron en todos estes meses”.

Tamén se referiu ás actuacións que se están a acometer nos barrios e no rural afirmando que “hoxe en día estamos nunha fase de transformación impensable fai uns anos”, cun investimento que supera os 100 millóns de euros en equipamentos culturais, casas de cultura, campos de fútbol, saneamento, abastecemento, núcleos de centralidade, ou actuacións de seguridade viara nas parroquias.

Miguel Anxo Fernández Lores contrapuxo todo o traballo realizado polo goberno municipal coa ralentización de proxectos fundamentais para Pontevedra que dependen doutras administracións, proxectos como o nó de bombeiros, a circunvalación, o paseo a Marín, actuacións de mellora de calmado de tráfico e reforma en vías autonómicas ou a variante de Alba. Aínda así, sobre este punto manifestou a súa “esperanza de que estas obras imprescindibles para o Concello, vaian para adiante nos próximos anos”.

Oposición

O alcalde, ademais de cualificar o actual equipo de goberno como “o mellor que tivo Pontevedra nas últimas décadas”, explicou os motivos de tal afirmación: “porque foi moi fácil de concretar e de chegar a acordos en tempo récord, porque empezou ben e soubo xestionar coordinadamente en épocas tan duras como o Estado de alarma a pesar do pouco tempo que levaba en marcha, porque había vontade de que funcionase; e, sobre todo, porque del formamos parte persoas con alto grao de solvencia e experiencia previa acumulada por parte dos dous grupos que o integramos”.

En contraposición lamentou que “nin en Santa Clara, nin na compostaxe, nin no contrato da auga, nin no modelo urbano contamos nunca coa colaboración da oposición”. Sobre a opoisición tamén afirmou que “anda preocupada noutras cousas en vez de centrarse en darlle un rumbo de futuro a Pontevedra, pero en cambio si teñen tempo para a enceborroca”.