O Concello remitirá nestes días á Xunta a proposta “urbana” da Variante de Alba

76

Demetrio Gómez informou que o documento municipal recolle unha vía duns 800 metros e un custe de 8,3 millóns. A calzada terá 2 carrís, 4 rotondas, 8 pasos sobreelevados e iluminación.

O Concello traballou sobre a alternativa 6 da Xunta que é quen decide sobre o trazado a construír.

A proposta xa foi presentada ao Consello parroquial de Campañó, que o recibiu con “certo resquemor”.

O Concello de Pontevedra xa dispón da proposta de adaptación ao terreo da alternativa escollida pola Xunta de Galicia para a Variante de Alba. Este documento que foi presentado esta mañá polo concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez e tamén presentado nesta semana ao Consello parroquial de Campañó, trasladarase á Axencia Galega de Infraestruturas nos vindeiros días. 

O Concello propón a creación dunha vía con características urbanas. Unha rúa apegada ao terreo con dous carrís de circulación (un en cada sentido), con rotondas para calmar o tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación. 

Demetrio Gómez lembrou que a creación da Variante de Alba xa figuraba na mesa M4, da que formaban parte todas as administracións con competencias viarias no concello, para permeabilizar o territorio entre as estradas de Santiago e Vilagarcía.

O concelleiro explicou que ao tempo que se permeabiliza o territorio tamén “é imprescindible que as vías melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas, de quen as usa e de quen vive na zona”. Puxo como exemplo a Rolda Leste, a vía entre Lérez e Monte Porreiro, ou a nova estrada de Tafisa aos Campos.

Demetrio Gómez explicou que en decembro de 2020, no encontro entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o Concello comprometeuse a elaborar un estudo para mellorar o trazado escollido pola Xunta (a alternativa 6 que forma parte dun estudo de nove alternativas) co obxectivo de eliminar o efecto barreira da proposta construtiva que presentara a Xunta e que creara rexeitamento veciñal.

O concelleiro indicou que “para eliminar o efecto barreira hai que quitar características de autoestrada e convertela nunha rúa con tráfico calmado, preferencia peonil, posibilidade de tráfico ciclista e ben alumeada”. Ademais, o Concello traballou coa premisa de que se adaptase ao territorio, sexa funcional para a veciñanza, que dea acceso ás fincas e que respecte o viario existente.

Con estes puntos de partida, o Concello de Pontevedra elaborou unha proposta dunha rúa duns 800 metros cun carril en cada sentido, con beirarrúas de 2,8 metros de ancho, e unha plataforma total de 4,20 metros.

Rolda de prensa de Demetrio Gómez

Os cruzamentos resólvense con 4 rotondas para calmar o tráfico e manter os circuítos peonils. Leva 8 elementos de calmado de tráfico (lombos), con limitación da velocidade a 30km/h, e 6 lombos nas vías perimetrais. Tamén se propón a instalación de alumeado, que terá un custe de 250.000 euros.

O proxecto recolle a construción dun viaduto para salvar o trazado do ferrocarril, da autoestrada e a vía de servizo da autoestrada na parte máis boscosa da parroquia de Lérez. Na parroquia de Campañó, o trazado vai pegado ao terreo.

Esta proposta municipal tería un custe de 8,7 millóns de euros, fronte aos 12,2 millóns da que propoñía a Xunta de Galicia.

Demetrio Gómez explicou que xa foi presentada ao Consello parroquial de Campañó, que está de acordo en que cando se constrúa a rúa ten que estar adaptada ao terreo e que resolva as necesidades dos veciños e veciñas, “pero ten certos resquemores”.