Catro expertos asesorarán ao xurado na escolla da nova imaxe corporativa do Concello

92

Son Marcos Dopico, decano-comisario da nova Facultade de Deseño; Cristina Varela, secretaria do Grao de deseño; Juan Manuel Corbacho e Alberto Dafonte, docentes de Ciencias audiovisuais e publicidade.

A concelleira Anabel Gulías traballa coa posibilidade de que a vindeira semana se faga público o concurso a través do Taboleiro de anuncios e do Perfil do contratante do Concello.

A Concellaría de Promoción da Cidade e Réxime Interior avanza no Concurso da nova da Imaxe corporativa do Concello de Pontevedra. Nesta semana, a concelleira responsable do departamento, Anabel Gulías pechou o comité de expertos que se encargará de asesorar ao xurado na súa decisión final.

Trátase de catro profesionais de recoñecido prestixio no sector e vinculados á Universidade de Vigo e ao campus de Pontevedra.

  • Marcos Dopico Castro é o decano comisario para a creación da Facultade de Deseño do Campus de Pontevedra e como profesional, experto en deseño de tipografía.
  • Cristina Varela Casal, deseñadora gráfica, e docente e secretaría do Grao de deseño do Campus de Pontevedra.
  • Juan-Manuel Corbacho, docente e investigador en Ciencias audiovisuais e publicidade, e compaxiña o seu labor docente coa coordinación das prácticas preprofesionais do máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.
  • Alberto Dafonte, profesor de Ciencias Audiovisuais e Publicidade, centra o seu labor docente e de investigación na competencia dixital.

O proceso administrativo está prácticamente rematado e a concelleira de Promoción da Cidade agarda que na vindeira semana as bases poidan ser publicadas definitivamente no Taboleiro de anuncios electrónico do Concello de Pontevedra e no Perfil do Contratante da sede electrónica (sede.pontevedra.gal), momento no que se abrirá un prazo de 10 días hábiles para que os profesionais que o desexen poidan presentar o seu portfolio.

Polo de agora, as persoas interesadas poden consultar o borrador definitivo das bases colgado na páxina web municipal pontevedra.gal.

O borrador de bases

Como recolle o borrador, o portfolio profesional non debe incluír traballos relacionados co Concello de Pontevedra posto que se trata de promover o anonimato durante o procedemento. Deberá presentarse no Rexistro electrónico, a través do procedemento electrónico número 1218 denominado “Solicitude de participación na chamada a proxecto: nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra” por parte de calquera persoa interesada, física ou xurídica. Este procedemento estará operativo unha vez que se fagan público o concurso. 

A segunda fase consistirá en seleccionar 4 empresas ás que se lles cursará un convite para que presenten as súas propostas de imagotipo coa correspondente memoria e definición da imaxe en diferentes soportes e aplicacións. 

Nesta fase, as 4 empresas participantes serán compensadas con 950 euros para gastos na elaboración das propostas, e a adxudicataria final subscribirá un contrato por un importe de 12.000 euros para desenvolver a imaxe corporativa definitiva. 

O xurado que participará na selección está formado por persoal municipal que inclúe dúas técnicas do departamento de Comunicación, o xefe da OTA, unha técnica de Secretaría, a propia concelleira de Réxime Interior e Contratación e dúas persoas designadas para o efecto pola Asociación Galega de Deseño. 

O xurado será asesorado polo comité de expertos na súa escolla final.

Unha imaxe á medida da Pontevedra contemporánea 

A evolución da Pontevedra dos últimos anos debe de estar reflectida na nova imaxe do Concello, segundo resumiu a concelleira Anabel Gulías. “A proxección internacional e o feito de termos sido referente nunha serie de debates que seguen producindo pero que nós adiantamos, e é un feito que fai sentirnos moi orgullosas no traballo feito ata o momento”, explicou. Tamén definiu Pontevedra como “unha cidade nova, do futuro, viva, creativa, dinámica” e como exemplo disto citou “as máis de 1.000 actividades que organizamos neste Concello nos espazos públicos, algunhas delas, como o Salón do Libro, que son premiadas e referencia en ámbitos culturais e nomeadas e postas como exemplo por outras cidades máis grandes”. 

Tamén destaca que “Pontevedra é unha cidade comprometida coa loita contra o cambio climático, co coidado do planeta e o coidado medio ambiental na cidade” a través de iniciativas como “a compostaxe, os parques forestais, o coidado dos espazos públicos, o coidado do ciclo da auga, a economía circular e en definitiva, a Pontevedra do Efecto PO2”. 

Ademais da Pontevedra actual, a nova imaxe corporativa tamén debe representar, en palabras de Gulías “a todas e todos os pontevedreses” polo que “o obxectivo é que o novo imagotipo sexa tanto para un veciño de Michelena como de Pintos, para un veciño de Monte Porreiro ou de Mollavao”. 

A actual imaxe corporativa é unha adaptación do escudo oficial de Pontevedra (cuxos elementos están definidos oficialmente no DOG do 11 de xaneiro de 2002) e que na altura do 2021 “é necesario retocar a imaxe coa que vimos traballando estes anos e que tantas alegrías nos deu, porque está claro que veñen tempos novos e que o Concello está mirando cara o futuro”, conclúe a concelleira. 

CURRICULUM

Marcos Dopico Castro

Profesor Contratado Doutor no Departamento de Debuxo da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Licenciado en Belas Artes coa especialidade de Deseño e Audiovisuais e Doutor en Deseño pola Universidade de Vigo. 

Imparte docencia nas materias de deseño no Grao en Belas Artes, no Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda e no Mestrado en Dirección de Arte en Publicidade da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Dende 2011 a 2015 foi Director da Área de Imaxe Corporativa da Universidade de Vigo. 

Foi socio fundador da DAG Asociación Galega de Deseño e o seu presidente dende 2011 a 2015. 

En 2018 foi nomeado polo reitor da Universidade de Vigo como Decano Comisario para a creación da Facultade de Deseño do Campus de Pontevedra. 

Na súa práctica profesional é deseñador gráfico especializado no deseño de tipografía. Como investigador ten publicado diversos libros e artigos sobre deseño e ten participado como en exposicións colectivas sobre o deseño contemporáneo en Galicia. A súa actual liña de investigación céntrase na creación de identidades territoriais a través do deseño gráfico e a tipografía. 

Juan-Manuel Corbacho

Profesor Titular de Universidade do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade. Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas, así como en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Doutor en Comunicación, Publicidade e Relacións Públicas pola mesma institución cunha tese sobre estratexias de comunicación publicitaria en revistas de moda femininas españolas e alemás. 

As súas principais liñas de investigación coinciden coa súa docencia na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación: Técnicas de Relacións Públicas, Publicidade Internacional e Relacións Públicas e Protocolo. 

Imparte clases de máster e doutoramento na Universidade de Vigo e como docente convidado en institucións académicas de Alemaña, Portugal, México, Chile e Brasil onde deu seminarios en mestrías de comunicación corporativa (Universidad de Anahuac). Autor de numerosos capítulos de libro e artigos en revistas indexadas. Pertence ao grupo de investigación SEPCOM  (Investigación en Comunicación para o servizo público) e participou en proxectos de investigación e innovación docente a nivel nacional e internacional. 

Foi vicedecano e decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, así como vicerreitor do campus de Pontevedra. Na actualidade compaxina o seu labor docente e investigadora coa coordinación das prácticas preprofesionais do máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.

Alberto Dafonte

Profesor Contratado Doutor no departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo. Doutor en Comunicación Audiovisual e Publicidade (Uvigo) e Máster en Educación e TIC ( UOC). É coordinador do grupo de innovación docente DIXITAIS, centrado na competencia dixital, e membro do grupo  SEPCOM (Investigación en Comunicación para o Servizo Público). A súa investigación céntrase na comunicación dixital, na integración da tecnoloxía na docencia e no comportamento dos usuarios en redes sociais. 

Actualmente é investigador principal no proxecto “Narrativas dixitais contra a desinformación. Estudo de redes, temas e formatos dos factcheckers iberoamericanos” financiado pola Axencia Estatal de Investigación.

Cristina Varela Casal 

Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2005) e Especialista profesional en produción Multimedia pola Universidad Politécnica de Valencia (1997). Traballou doce años (2001/13) como profesional no ámbito do deseño e a comunicación visual na empresa dedominiopúblico-comunicación audiovisual. 

A partir de 2005 simultanea o seu labor de deseñadora gráfica coa vinculación á Universidade de Vigo no equipo directivo do primeiro título propio universitario en deseño de moda en España, Esdemga.

Dende 2012  é profesora a tempo completo na área de didáctica da plástica do departamento de didácticas especiais da Universidade de Vigo.

Actualmente é secretaria do Grao de deseño da Universidade de Vigo, en proceso de implantación.