‘Percorrendo a senda do río’ volve a achegar o alumnado de primaria ao patrimonio rural

23
  • Participan máis de 200 alumnos e alumnas de 6 centros educativos, a través de visitas organizadas á aldea do Salgueiral
  • Este programa, activo desde 2011, ten por obxecto sensibilizar ás crianzas sobre a importancia de manter a riqueza patrimonial do rural, tanto a nivel sociocultural como natural 

Máis de 200 alumnos e alumnas de centros educativos pontevedreses están a participar nestas semanas nunha nova edición do programa ‘Percorrendo a senda do río”, que promove a Concellaría de Coordinación do Rural, xestionada por Alberto Oubiña. Trátase dunha actividade educativa que, a través de visitas organizadas á aldea do Salgueiral, pretende sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de manter a riqueza patrimonial do rural, tanto a nivel sociocultural como natural.

Este programa iniciouse en 2011 en colaboración coa Comunidade de Montes do Salgueiral, e nesta edición participa alumnado 4º de primaria dos centros educativos Álvares Limeses, Xunqueira I, Santo André de Xeve, Marcos da Portela, San Martiño e Froebel. O calendario de visitas deste ano comezou o 28 de maio e remata o 14 de xuño, e estanse realizando en ‘grupos-aula’, de xeito que se manteñan os grupos burbulla establecidos nos propios centros escolares. 

Durante a visita, o alumnado participa en diversas actividades didácticas orientadas a coñecer, dunha banda, a historia do patrimonio cultural que se conserva e, doutra banda, a biodiversidade medioambiental da zona. A finalidade é que a rapazada descubra de primeira man a importancia tanto do río como do seu ecosistema. 

Esta saída polo percorrido fluvial do Salgueiral perfílase, ademais, coma unha aula aberta e activa para que o alumnado aprenda a gozar da natureza, para coñecela e protexela, e densenvolva unha mirada sensible, lúdica e crítica cara a contorna natural.