- O proxecto de reforma do edificio conta cun orzamento de 284.300 euros para a anualidade 2021 e cun prazo de execución de 3 meses
- Este proxecto súmase á actualización e modernización de equipamentos municipais, que ascende a preto de 4,5 millóns de euros entre o edificio de Ferreiros, as reformas acometidas en Michelena 30, e os proxectos previstos no Centro Sur, a Redeira e a Casa Consistorial
A concelleira de Réxime Interior e Contratación, Anabel Gulías informou esta mañá do inicio do proceso de contratación do proxecto de reforma do Teatro Principal, co obxecto de dotalo dunha serie de melloras relativas á accesibilidade, á mellora enerxética e un reforzo estrutural na área do escenario. Este proxecto está orzamento en 438.478,34 eruos para dúas anualidades, dos cales 284.300 euros corresponden á anualidade 2021 e están contemplados na modificación de crédito. O prazo de execución das obras será de 3 meses.
Anabel Gulías explicou que este proxecto ten a finalidade de “buscar a excelencia nos equipamentos culturais” e, neste sentido, lembrou que o Teatro Principal “é un edificio emblemático e que boa parte da actividade cultural e de difusión creativa pasa forzosamente por estas paredes”. As melloras previstas dotarán ao edificio de solucións acaídas tanto para dar un mellor servizo á cidadanía como para mellorar a profesionalización do equipamento e axustarse a parámetros de eficiencia enerxética.
A concelleira indicou que “o Teatro Principal para nós é un paso máis nunha tarefa que emprendemos xa no final do anterior mandato e coa que continuamos neste que é a actualización e modernización dos equipamentos municipais”. Neste contexto, asegurou que o Concello leva destinados nos últimos anos preto de 4,5 millóns de euros á modernización de equipamentos “que fan que o concello de Pontevedra conte cos equipamentos dos máis punteiros de Galiza”, e entre os que citou o edificio de Ferreiros, a reforma da planta baixa e da 2ª planta de Michelena 30, o edificio da Redeira en Santa Clara, a futura reforma da Casa Consitorial, a reforma do propio Teatro Principal, así como a reforma do edificio do Centro Sur, que cualificou como “o equipamento sociosanitario máis potente de toda a historia do Concello”.
Respecto á reforma que se acometerá no Teatro Principal, citou tres actuacións fundamentais. En primeiro lugar, sitou un reforzo estrutural que se realizará na área do escenario e que vai ligado á substitución do sistema de iluminación do propio escenario. Este reforzo decídese toda vez que se trasladan as oficinas de disciplina urbanística da planta superior e se realiza un estudo da estrutura da zona do escenario.
En segundo lugar, menciou a mellora da accesibilidade universal para a que se levarán a cabo dúas actuacións fundamentais. Dunha banda, reformaranse os aseos da planta baixa para adaptar o seu uso a persoas de toda condición, incluíndo persoas ostomizadas; e doutra, instalarase un ascensor no vestíbulo principal que dea acceso a todo o edificio, desde a planta -1 (onde se sitúan as áreas reservadas a cameríns e persoal técnico) ata o 3º andar. Está previsto que este ascensor sexa unha cámara transparente co obxecto de minimizar o seu impacto visual.
En terceiro lugar, Anabel Gulías referiuse á substitución do sistema de iliminación que “marcará o paso do analóxico ao dixital”. Deste xeito, ademais de mellorar a eficiencia enerxética mediante o paso a tecnoloxía led ao igual que se está a facer nos espazos urbanos, tamén se optará por un sistema de iluminación escénica máis profesional e adaptado ás necesidades actuais.
A concelleira explicou que o paso a tecnoloxía led supón un aforro enerxético de case un 90% e que permitirá mesturas de cor con control dixital. Esta actuación implica a desmontaxe das infraestruturas actualmente existentes, tamén incluíndo todos os cadros e cableados que compoñen todo o sistema, e a instalación da nova iluminación escénica profesional a base de leds, os cambios nas consolas de control, a ampliación e actualización da rede de control de iluminación a dixital e a substitución das luminarias.