O balneario do Lérez, a senda fluvial e a Ponte da Palabra protagonizan o novo mural do programa ‘O teu cole na historia’ na EEI Fina Casalderrey

37
  • Na intervención artística de Polo Correo do Vento, a décimo cuarta impulsada pola Concellería de Educación dentro deste proxecto, tamén aparecen as personaxes de O Misterio dos Fillos de Lúa
  • Tino Fernández agarda que o programa se complete esta semana cunha nova pintura no CEIP San Martiño (Salcedo) e a realización dunha campaña divulgativa sobre tódalas actuacións

Asentada nas proximidades da senda fluvial, a escola de Infantil, o balneario do Lérez e a Ponte da Palabra (que conecta as parroquias de Lérez e Monte Porreiro) protagonizan o novo mural elaborado polo Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, no marco do programa ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’. Na intervención artística, a décimo cuarta impulsada pola Concellería de Educación dentro deste proxecto, tamén aparecen un rabirrubio tizón e as personaxes do libro O Misterio dos Fillos de Lúa, obra da escritora Fina Casalderrey que obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e o premio O Barco de Vapor.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, explica que, trala execución desta pintura, “está prevista unha máis no CEIP San Martiño (Salcedo), polo que agardamos que tódalas actuacións estean rematadas esta mesma semana e poidamos poñerlle a guinda ao proxecto cunha campaña divulgativa para que os alumnos poidan coñecer tamén a historia, personaxes e elementos patrimoniais dos outros colexios”. Tal e como lembra o edil do PSOE, “ata a data, o proxecto permitiu adornar cos aspectos máis significativos da súa memoria histórica e natureza os CEIP de Cabanas, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Santo André de Xeve e San Benito de Lérez, os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI de Verducido e Fina Casalderrey”.