Yoya Blanco: “A cidade ten tódolos ingredientes para converterse en referente gastronómico internacional e a marca Capital Gastro é a receita”

43
  • A concelleira de Promoción Económica e Turismo preside o primeiro encontro da Mesa de Gastronomía de Pontevedra, na que participaron voceiros dos diversos sectores implicados
  • A edil do PSOE agradece “a implicación, entusiasmo e boa disposición de tódolos actores implicados neste proxecto, no que a Concellería e Carta Blanca levan traballando un ano”

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu esta mañá o primeiro encontro da Mesa de Gastronomía de Pontevedra, impulsada co obxectivo de que tódolos axentes da cadea gastronómica, incluídos os académicos e culturais, estean implicados na construción da marca Pontevedra Capital Gastro. Este encontro inaugural, desenvolvido de xeito mixto (online e presencial, na Sala Verde do Concello) contou coa presenza da técnica de Turismo Raquel Abollo; a responsable da firma Carta Blanca, Elena Vitoria; o vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto; o vicepresidente da Asociación Provincial de Axencias de Viaxe de Pontevedra (Avipo), Diego Otero; o director do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, Manuel Hermo; o presidente da Asociación Galega de Axencias de Turismo (Agavi), Juan Antonio Rivadulla; o patrón maior da Confraría de San Telmo, César Rodríguez; o chef Rubén González (El Cafetín), en representación do colectivo de hostaleiros Hoempo; a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), Dulcinea Aguín; a técnica da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Marián Barreal, e a responsable do Hotel Galicia Palace, Patricia Sierra.

A socialista lembroulles aos asistentes que a Concellería leva traballando un ano en colaboración con Carta Blanca neste proxecto, “que xurdiu das mesas organizadas durante o peor da pandemia pola plataforma PonteLovers, momento no que tódolos sectores pedían unha ferramenta de dinamización da cidade na que estivese implicada todo o mundo”. 

“Pontevedra -sinalou- dispón de tódolos ingredientes para converterse en referente da gastronomía nacional e internacional. Esta marca é a receita e temos que cociñala entre todos e todas. Pontevedra Capital Gastro dá resposta á grande necesidade que padece a cadea de valor da gastronomía e a alimentación, e tamén o sector turístico”.

Segundo subliñou Blanco, entre os seus obxectivos específicos figuran “promocionar e difundir os recursos gastronómicos locais para potenciar as actividades económicas e sociais do territorio, promovendo a economía circular; consolidar o concepto de ‘hostalería verde’, desenvolvendo programas específicos de Hostalería Sostible e xerando un compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 da Deputación Provincial; darlle valor á cultura e historia gastronómica da cidade coa creación de actividades dirixidas á poboación xeral; poñer en valor a gastronomía internacional presente na cidade, así como ás persoas e historia que hai detrás delas; fortalecer o concepto ‘hospitality’ para que poida converterse en referente a nivel nacional, e promover a creación de novos negocios, apoiando e guiando diferentes proxectos innovadores relacionados coa gastronomía”.

A concelleira de Promoción Económica sinalou que “para levar todo isto a bo termo contamos con tres gastroeventos, a Festa das Cunchas, o Avoa Fest e Mestizaxes; un congreso Foro Hospitality; un programa de impulso empresarial denominado Capital Gastro Lab e, por suposto, a Banda Cociñas de Pontevedra”. “Teño que agradecer a vosa implicación, entusiasmo e boa disposición para que saia adiante este proxecto, que agardo, permita situar no trono do turismo gastronómico internacional aos que, na miña opinión, son os mellores produtos e a mellor cociña do mundo”, apuntou Yoya Blanco.