‘Bolsas PO2’, o proxecto piloto de economía circular que transforma as lonas en complementos

228
  • O Concello impulsa unha iniciativa para evitar que as lonas publicitarias se convertan en residuos e se manteñan no sistema o maior tempo posible
  • As bolsas son realizadas a través da empresa pontevedresa ‘Loba e Oso’, que á súa vez colabora con outras ‘empresas suprareciclaxe’, con docentes do Máster de Deseño e Moda e con costureiras de Pontevedra

Comercializar un produto de km0 e alongar o seu tempo de vida evitando que se converta en residuo é o obxectivo do proxecto piloto de economía circular que transforma lonas publicitarias en complementos. Esta iniciativa impulsada polo Concello, a través da empresa ‘Loba e Oso’, foi presentada esta mañá pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías e pola reponsable da empresa Saleta González Pimentel.

Trátase de dous prototipos, unha bolsa con asas e unha funda para ordenador, realizados a partires de lonas que habitualmente usa o Concello para difundir iniciativas tales como exposicións, o Salón do Libro ou campañas como a propia estratexia Efecto PO2. Así, Anabel Gulías explicou que o obxectivo desta iniciativa é “facer destas Bolsas PO2 un recurso máis e un sinal de identidade do compromiso de Pontevedra coa loita activa contra o cambio climático”.

Neste contexto explicou que “desde PO2 quixemos poñer a atención nunha das cuestións máis preocupantes coas que nos atopabamos día a día, e que é o uso das lonas que, sendo un recurso moi beneficioso de cara a facer difusión, xera un problema á hora de desfacernos destes residuos”. Citou como principal problema tanto o tempo de uso que é relativamente curto, como a xeración dun residuo moi complexo á hora de ser tratado debido, fundamentalmente, á propia composición das lonas (PVC e poliéster).

Ademais da reutilización, a concelleira tamén salientou que este proxecto se sitúa no marco dunha certa reactivación económica, a través dunha experiencia piloto de economía circular impulsada desde o Concello. Nesta experiencia enmarcou a colaboración coa empresa pontevedresa ‘Loba e Oso’, á que engadiu o deseño de máis prototipos da man dunha docente no Máster de Deseño e Moda, e a manufactura a través de costureiras tamén pontevedresas, reivindicando “modelos de produción singular e artesá fronte a outros modelos de consumo”. 

Actualemente, o Concello ten engarcados 300 packs dos dous modelos que utilizará como agasallo institucional pero está estudando o encaixe administrativo e xurídico para que este tipo de produtos poidan comercializarse e poder así “pechar o ciclo nunha experiencia integral de economía circular”. Neste punto, Anabel Gulías explicou que a idea é que o Concello ceda as lonas a empresas ou iniciativas sociais que o soliciten e ás que se lles porán dous requirimentos: que o emprego das lonas teña como fin un produto que encaixe dentro das características de km0 e que o produto resultante sexa comercializado en establecementos minoristas.

Pola súa banda, Saleta González explicou que desde ‘Loba e Oso’ están traballando cun grupo de “empresas suprareciclaxe”, isto é, que se dedican á produción de bens nos que utilizan nun 90% materia prima que saen de excedentes de produción. Concretamente están especializadas na reciclaxe de elementos téxtiles ou doutros produtos que se poidan aplicar á fabricación téxtil e para isto colaboran con empresas de Pontevedra ou de lugares próximos, como son Miolos (artesán pontevedrés que se dedica ao coiro), Lonas Orca (empresa radicada en Vigo que produce lonas náuticas), Lirón (fabricante de colchóns situada no polígono do Campiño) e Xiro Atlántic (fabricante de vaqueiros ecolóxicos en Moaña).