Iván Puentes pon en marcha o proxecto de renovación e mellora paisaxística do parque da rúa Irlanda cun investimento duns 28.000 euros

126
  • Deportes e Desenvolvemento Sostible tamén veñen de iniciar os traballos de mellora do parque de petanca de Os Areás, cun zafarrancho no que se incluíu a limpeza do contorno do Mirador
  • As obras impulsadas por Puentes prevén a renovación de mobiliario, a creación de sendas e a rexeneración integral dunha ampla zona verde entre as rúas Irlanda, Reino Unido e Alemaña

Trala recente inauguración dos traballos de remodelación da área de lecer infantil da Praza de Europa (ao que se dotou dunha tirolina de 20 metros), a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural segue adiante con novas actuacións que porán en valor os espazos públicos do barrio de Monte Porreiro e mellorarán a calidade de vida dos seus veciños. O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes acaba de poñer en marcha o proxecto de renovación integral e mellora paisaxística do parque municipal situado na rúa Irlanda, que conta cun investimento de 27.743,61 euros e que permitirá potencialo como lugar de encontro, socialización comunitaria e realización de actividades lúdicas e deportivas.

Segundo explica o edil do PSOE, a intervención contempla “a creación de sendas, a renovación de mobiliario urbano e o axardinamento dunha ampla zona verde situada entre as rúas Reino Unido, Alemaña, Irlanda e Luxemburgo”. “Entre os obxectivos do proxecto inclúese o de optimizar a comunicación do parque co contorno, facilitando a accesibilidade coa xeración de camiños de acceso desde as rúas Alemaña e Luxemburgo e mellorando a capacidade de acollida e o confort deste espazo coa dotación de zonas de estancia e lecer. Tamén se van garantir as máximas condicións de seguridade nas zonas de noiro mediante a restauración e construción de novos treitos de valado protector de madeira”, sinala Iván Puentes.

Ademais, tal e como apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “incrementarase o valor paisaxístico do parque cunha mellor composición a nivel de xardinería e a instalación dun sistema de rega que facilitará a conservación e o mantemento dos valores estéticos propios dun parque moderno; e enriquecerase a rede de zonas verdes da cidade cunha remodelada zona de mirador”. Os traballos de mellora da vexetación iniciados nestes días terán continuidade coa creación das sendas, as obras de mellora da accesibilidade, a renovación do mobiliario e a construción dos valados de madeira.

Restauración do parque de Os Areás

En paralelo á posta en marcha do proxecto de reforma da zona verde da rúa Irlanda, as concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Deportes tamén iniciaron nestes días os traballos de restauración do parque de petanca de Os Areás cun zafarrancho de limpeza e desbroce que tamén chegou ao contorno do Mirador e que executaron as brigadas municipais de Parques e Xardíns. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, avanzou que esta nova intervención “completarase nas vindeiras semanas co arranxo de tódolos elementos de madeira da pista de xogo, a rexeneración dos pavimentos de xabre e o axardinamento deste contorno”.

Fernández salienta o esforzo que o Goberno Local está a realizar “para que o barrio con máis habitantes da cidade sexa obxecto de importantes obras de renovación, alén dos labores de mantemento periódicos que se desenvolven por parte do Servizo de Parques e Xardíns”. Neste paquete de intervencións transcendentais inclúense a remodelación de toda a Praza de Europa (punto neurálxico da vida da urbanización) e a inminente apertura ao público dos xardíns do centro asociado da Uned.

O barrio de Monte Porreiro ten as súas orixes na antiga facenda de 70 hectáreas Vila Buenos Aires, fundada por Casimiro Gómez a principios do século XX coa finalidade de mellorar as producións agropecuarias mediante especies gandeiras de orixe americana e que, xunto co exitoso emprendemento empresarial de Aguas del Lérez á beira do río, supuxeron as primeiras tentativas de urbanizar e desenvolver esta zona do concello de Pontevedra.