O alumnado do CIFP Carlos Oroza participa nas charlas de ‘Transformando o mundo’

7

Alumnos do CIFP Carlos Oroza participaron esta mañá nunha charla-coloquio en torno á obra de teatro xuvenil ‘Identidade’ (que trata as temáticas da diversidade, a liberdade e a relidade trans) e impartida polo seu autor, Nee Barros Fernández. Esta actividade formativa enmárcase dentro do ciclo ‘Transformando o Mundo’, impulsado pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, dentro do programa municipal Pinto e Maragota co obxectivo de levar a memoria e a realidade LGTBIQ+ aos centros de Ensino Secundario de Pontevedra.

Trala visualización dun vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=Cf79KXBCIDg), estableceuse unha conversa co alumnado a través de preguntas sinxelas e sen xulgar as súas respostas: ‘Como explicariades o que acaba de ocorrer en pantalla?’, ‘Que vos parece?’, ‘Vivistes algunha vez unha situación semellante?’… Partindo das respostas, Nee Barros explicou unha serie de conceptos básicos sobre a realidade LGTB, relacionándoos coa súa obra, sempre a xeito de conversa e buscando a interacción. Na segunda parte desta charla, o alumnado foi o encargado de facer as preguntas, escribíndoas nun papel e plantexando consultas breves.

As sesións formativas continuarán mañá no IES Montecelo e o venres no IES Sánchez Cantón. Asemade, xa confirmaron o seu interese en celebrar estas charlas-coloquio no mes de setembro o CIFP A Xunqueira e os IES Torrente Ballester, A Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento.

‘Identidade’ (https://editorialgalaxia.gal/produto/identidade/) é unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde ‘equivocado’? Zé, o seu protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo tódolos moldes, Zé será quen de amosarlle a todo o mundo que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón. 

O autor, Nee Barros, ten deseñado incluso unha unidade didáctica sobre o teatro en Pontevedra coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Tamén conta cunha canle de YouTube na que, ademais de divulgación literaria, fai resumos da historia da literatura galega: https://www.youtube.com/channel/UClZ-fWAY2dGzcKXBW5HmlLA.