A carpa de Composta leva recollidas 200 inscricións na praza da Peregrina

18
  • Constátase o interese da veciñanza nos sistemas de compostaxe que ten en marcha o Concello, tras dúas xornadas divulgativas a pé de rúa    

A Concellaría de xestión dos residuos municipais, que coordina Raimundo González, volve a sacar á rúa mañá a carpa de Composta, na terceira e última xornada informativa e divulgativa sobre o sistema de tratamento dos residuos orgánicos do Concello. Convén lembrar que esta iniciativa de difusión, a través da carpa que se instala na praza da Peregrina, enmárcase nas accións coas que o Concello vén conmemorando o Día Mundial do Medio Ambiente desde ano. 

Nas dúas primeiras xornadas, os venres 28 de maio e 4 de xuño, evidenciouse o interese da veciñanza por coñecer e participar no sistema de tratamento de residuos que o Concello ten activo, o que se traduciu en ao redor de 200 inscricións. Na carpa ofrécese información detallada sobre as tres modalidades de compostaxe: individual (nas vivendas unifamiliares), comunitaria (nos centros de compostaxe polos barrios) e no colector marrón (na améndoa central da cidade). 

A carpa, que estará aberta de 11.30 a 14 horas e de 17 a 20 horas, ademais da súa función informativa, divulgativa e de concienciación cidadá, tamén posibilita que as persoas que aínda non participan en ningunha das modalidades de compostaxe poidan inscribirse. Ás persoas interesadas tamén se lles entrega un saquiño de compost e unha planta aromática de uso culinairo (alfavaca, hortelá, romeu, menta, salvia, ourego, coandro, melisa, lavanda, santolina ou tomiño).