O Concello modifica a Ordenanza que regula o ‘Informe de Avaliación dos Edificios’

126
  • A modificación responde á necesidade de adaptala á normativa autonómica que acaba de entrar en vigor, e será de obrigado cumprimento para edificios colectivos, naves e outras edificacións de máis de 50 anos
  • O rexistro municipal de Informes de Avaliación de Edificios conta neste momento con 361 edificios avaliados   

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, informou esta mañá que o Concello “xa ten bastante adiantada” a modificación da Ordenanza municipal reguladora do Informe de Avaliación de Edificios, co obxecto de adaptala á normativa autonómica que vén de entrar en vigor. A ordenanza vixente actualmente data de 2017 e, tras unha serie de sentenzas do Tribunal Constitucional que anularon a normativa estatal e un pequeno período de baleiro legal, a Xunta vén de desenvolver a Lei de 2019 a través dun Decreto que regula este tipo de avaliacións e crea un rexisto galego de Informes de Avaliación de Edificios.

Ata o de agora, e desde o ano 2015 (ano no que se aprobou a primeira Ordenanza municipal), o rexistro municipal recolle 361 edificacións avaliadas. Estas edificacións terán que renovar os seus Informes de Avaliación cada 10 anos, polo que as seguintes renovacións xa pasarán ao rexistro galego.  

Xaquín Moreda explicou que a modificación na que se está traballando, implica os seguintes cambios:

  • A certificación enerxética do edificio pasa a ser obrigatoria en edificios residenciais colectivos 
  • Quedan exentos de presentar o Informe de Avaliación os edificios que presenten resolución firme de ruína (antes só era necesario ter iniciado expediente de ruína)
  • Aínda que no Decreto autonómico o ámbito de aplicación é para edificios colectivos de máis de 50 anos, na ordenanza municipal vaise manter a obrigatoriedade tamén para naves e outro tipo de edificacións. Como exempo de ‘outro tipo de edificacións’, Xaquín Moreda citou os a os edificios zona histórica con varias plantas pero cun só propietario
  • Introducirase unha adaptación do calendario segundo o recollido no Decreto autonómico: a partir da entrada en vigor, os edificios catalogados disporán de 1 ano para presentar o Informe de Avaliación e de 3 anos para o resto de edificios (en ambos casos edificios de máis de 50 anos)
  • Desaparece o rexistro municipal de Informes de Avaliación de Edificios e o modelo que figuraba no anexo e remitirase ás ferramentas do Decreto: o rexistro galego de Informes de Avaliación de Edificios, o novo modelo recollido no Decreto, e a plataforma de redacción dos informes e xestión do rexistro, que é onde se cargan os informes.

Histórico do marco normativo

Xaquín Moreda tamén fixo un somero percorrido pola normativa de carácter municipal, autonómica e estatal que ao longo dos anos foron regulando cuestións relacionadas coa avaliación das edificacións.

Ano 1999. Ordenanza municipal reguladora das medidas de conservación e de seguridade nos elementos comúns exteriores das edificacións que fora aprobada polo Pleno da Corporación o 27 de novembro de 1999 e posteriormente modificada por acordo plenario o 24 de novembro de 2001. Fora unha das ordenanzas pioneiras no país, mesmo adiantada a posteriores previsións lexislativas, con moi bos resultados prácticos para a seguranza dos elementos exteriores dos inmobles e polo tanto na seguranza da vía pública, así como para a mellora da paisaxe urbana.

Ano 2011. Real Decreto Lexislativo 8/2011 que tamén incluía o impulso da rehabilitación e simplificación administrativa, regulaba a nivel estatal os requisitos esenciais da inspección técnica de edificios.

Ano 2013. A Lei 8/2013 de 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana estableceu unha regulación básica do informe de avaliación dos edificios coa finalidade de superar as insuficiencias contidas no RDL 8/2011.

Ano 2015. O Pleno do Concello de Pontevedra en data 23 de marzo de 2015 aprobou a Ordenanza municipal reguladora do informe de avaliación dos edificios, desenvolvendo os mandatos da lei 9/2002 de 30 de decembro de ordenación urbanística de Galicia (LOUG) e a Lei 8/2013 do 26 de xuño. Esta ordenaza abrangue o estado de conservación de todo o edificio, a verificación do cumprimento das condicións básicas de accesibilidade universal, e o grao de eficiencia enerxética dos edificios.

Ano 2016. O Tribunal Constitucional dita a sentenza 5/2016 de 21 de xaneiro que declara a inconstitucionalidade e nulidade de dous artigos do Real Decreto Lexislativo 8/2011 por entender que se produce unha invasión das competencias autonómicas en materio de urbanismo e vivenda.

Ano 2017. Modifícase a Ordenanza municipal polo Pleno o 7 de abril de 2017, que é a que actualmente está en vigor e é a que está sendo obxecto da modificación.

Ano 2017. O Tribunal Constitucional dita a sentenza 143/2017 anula a regulación estatal.

Ano 2019. Lei 1/2019 de 22 de abril de rehabilitación e rexeneración e renovación urbana de Galiza

Entre os anos 2017 e 2019 existiu un baleiro legal ata o Decreto da Xunta 61/2021

Ano 2021. Decreto 61/2021 do 8 de abril polo que se regula o Informe de Avaliación dos Edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios