A Concellería de Educación pecha a serie de murais de ‘O teu cole na historia’ no CEIP San Martiño cunha obra protagonizada por Castelao

25
  • A intervención artística fai referencia á mitoloxía galega coa aparición dunha moura na Fonte de Pamouro e nela tamén están presentes o monolito aos Heroes do Campo da Porta e os Muíños do Batán
  • Nunha visita ao centro para comprobar o bo resultado deste último traballo, Tino Fernández asegura que “se lle porá a guinda ao proxecto cunha campaña de divulgación das 15 obras realizadas”

Alfonso Rodríguez Castelao sentado nunha pedra, escribindo e gozando da vista da ría de Pontevedra desde o piñeiral de Matalobos, é o protagonista do mural co que Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, pecharon a serie de 15 intervencións artísticas efectuadas no marco do programa ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que os alumnos dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles. Nesta última pintura, realizada no CEIP San Martiño de Salcedo, tamén hai espazo para a Fonte de Pamouro, coa aparición dunha moura (personaxe da mitoloxía galega e creadora do mundo), e nela aparecen o monolito aos Heroes do Campo da Porta, a igrexa de San Martiño onde deixou o corazón Arcebispo Malvar, unha andoriña e os Muíños do Batán.

O “incrible resultado” desta obra foi comprobado ‘in situ’ polo tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, no marco dunha visita ao centro escolar en compañía dos seus autores e da directora do colexio, Placer Alonso, para poñerlle o colofón e o punto e seguido ao proxecto. Segundo lle explicaron Mauricio e Taboada ao socialista, para o deseño deste mural baseáronse “no traballo do antropólogo aborixe Rafael Quintía, do que tiramos este texto que escribiu o mestre de Rianxo e que nos axudou a escoller as imaxes desta pintura para o colexio: ‘Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación dun día de sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra! (Castelao)”.

Tal e como lembrou Tino Fernández, “ao longo deste período escolar, o programa municipal traduciuse nun total de 15 murais que adornan e enchen de orgullo os muros dos CEIP de Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, Manuel Vidal Portela, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Santo André de Xeve, San Benito de Lérez e San Martiño (Salcedo), os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI de Verducido e Fina Casalderrey”. O edil socialista aclarou que “se ben esta pintura é a última das previstas para este curso, o proxecto aínda ten por diante unha segunda fase que lle porá a guinda e que consistirá nunha campaña de divulgación mediante flyers e visitas didácticas para que os alumnos poidan coñecer, ademais dos propios, tamén a historia, personaxes e elementos patrimoniais e naturais que caracterizan aos outros centros”.

Fernández felicitou a Kike Mauricio e Carlos Taboada “por teren sido capaces de recoller e resumir nuns fermosos trazos a memoria, paisaxe e nomes propios que marcan a identidade dos colexios participantes, seguindo para iso unha mesma estética que dota de fío condutor aos seus traballos”. “Agardamos que outros centros educativos se sumen á iniciativa despois de ver o ben que quedaron todos estes murais”, asegurou o tenente de alcalde.