A veciñanza de Alba a prol da proposta municipal da Variante

12
  • O Consello Parroquial reuniuse cos concelleiros Demetrio Gómez e Pilar Comesaña para coñecer polo miúdo esta proposta e, tras valorar a súa idoneidade en relación ás necesidades da parroquia, manifestou o seu acordo co estudo municipal 
  • A proposta pasa por proxectar unha vía apegada ao terreo con dous carrís de circulación, rotondas para calmar o tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación

O concelleiro de Obras e Transporte, Demetrio Gómez, e a concelleira da parroquia de Alba, Pilar Comesaña, reuníronse na tarde de onte co Consello Parroquial desta parroquia para explicarlles de primeira man a proposta do Concello para a Variante de Alba e recoller a postura da veciñanza ao respecto. Tras unha exposición ampla e demorada de todos os aspectos relevantes do proxecto por parte dos concelleiros, o Consello Parroquial manifestou o seu acordo a prol da proposta municipal.

Os puntos do proxecto que máis interese suscitaron entre a veciñanza foron a forma de eliminar o efecto barreira da futura vía para minimizar o seu impacto para a parroquia, a limitación da velocidade de circulación, que sexa útil tamén para os veciños e veciñas da área, que non limite os accesos ás fincas e propiedades e que asegure a conexión con Lérez e co Centro de Saúde. Neste sentido, os veciños e veciñas presentes na reunión valoraron positivamente as solucións que a proposta do Concello ofrece para todos estes puntos.

Convén lembrar que o Concello propón a creación dunha vía con características urbanas, isto é, unha rúa apegada ao terreo con dous carrís de circulación (un en cada sentido), con elementos de calmado do tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación. Esta proposta implica eliminar as características de autoestrada (que era a proposta da Xunta) e convertela nunha rúa con tráfico calmado, con cabida para a mobilidade peonil e ben alumeada. Con estes puntos de partida, o Concello de Pontevedra elaborou unha proposta dunha rúa duns 800 metros cun carril en cada sentido, con beirarrúas de 2,8 metros de ancho, e unha plataforma total de 4,20 metros. 

Os cruzamentos resólvense con 4 rotondas para calmar o tráfico e manter os circuítos peonís. Leva 8 elementos de calmado de tráfico (lombos), con limitación da velocidade a 30km/h, e 6 lombos nas vías perimetrais. O proxecto tamén propón a instalación de alumeado e recolle a construción dun viaduto para salvar o trazado do ferrocarril, da autoestrada e a vía de servizo da autoestrada na parte máis boscosa da parroquia de Lérez. 

Na xuntanza co Consello Parroquial de Alba, os concelleiros tamén recolleron outras reclamacións veciñais orientadas a mellorar a mobilidade na parroquia, entre as que destacan a solicitude para que a Administración autonómica leve a cabo medidas de calmado de tráfico na estrada de Vilagarcía (PO-531), e o interese en que se mellore o acceso á Igrexa de Alba.