Despregue da pancarta reivindicativa do Día Nacional da Lingua de Signos na Casa Consistorial

9

O tenente de alcalde, Tino Fernández, o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e varios membros da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga), coa súa presidenta, María Jesús Monterde, á cabeza, protagonizaron esta mañá no balcón da Casa Consistorial o despregue dunha pancarta reivindicativa instalada con motivo da conmemoración do 14 de xuño, Día Nacional da Lingua de Signos (celebrado baixo o lema ‘Máis que nunca, máis preto de ti’). Esta mesma noite, o Concello porá en marcha unha nova acción consistente na iluminación nocturna do Consistorio con luz de cor turquesa, feito que se repetirá durante toda a fin de semana e que se reproducirá tamén no Pazo Provincial, a sede viguesa da Deputación e diversos edificios municipais da provincia.

Trátase da recta final do amplo programa de actividades desenvolvido ao longo dos meses de maio e xuño e que se pechará este luns 14 ás 12:00 horas coa celebración do acto de entrega dos premios do IV Concurso Provincial Xoga coas Manciñas, que terá lugar no Salón de Plenos da Deputación. Esta fin de semana, as redes sociais de Xoga difundirán o sorteo dunha praza gratuíta para un curso de 60 horas de nivel A1 de Lingua de Signos para maiores de 16 anos que vivan en Galicia.

Desde o luns 7 de xuño, a Organización de Diversidade Sensorial Xoga (afiliada á Federación Española de Sordoceguera) desenvolve en diferentes concellos da provincia xornadas de portas abertas que inclúen unha exposición titulada ‘A Comunidade con Diversidade Sensorial’, un taller de Iniciación á Lingua de Signos para maiores de 16 anos, un contacontos en lingua de signos dirixido a público infantil e a charla-coloquio A Diversidade Sensorial, na que se analizarán conceptos, estereotipos e recursos ao noso alcance. Estas xornadas continuarán a organizarse de xeito altruísta ao longo do ano noutros concellos que así llo soliciten a Xoga.