Tecnoloxía, arte e natureza centran as actividades de Ponteverán 2021

652
  • Están dirixidas a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 8 e os 35 anos e, aínda que son de balde, é necesario inscribirse en apuntate.pontevedra.gal

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou esta mañá unha nova edición de Ponteverán, o programa de ocio activo para a mocidade que este ano se centrará na tecnoloxía, a natureza e a arte. Ao igual que en edicións anteriores, as actividades serán todas gratuítas pero para participar será imprescindible inscribirse en apuntate.pontevedra.gal, a partires do vindeiro martes 15 de xuño.

Poderán inscribirse persoas con idades comprendidas entre os 8 e os 35 anos e empadroadas en Pontevedra, aínda que Alberto Oubiña animou a todo aquel que o desexe a anotarse, posto que se quedasen prazas sen cubrir daríaselles cabida. O concelleiro aproveitou para lembrar que Ponteverán volve un ano máis para “encher a cidade de actividades específicas para a mocidade, ofrecendo espazos para socializar, coñecer xente nova, facer novas amizades e desfrutar de todo o que ofrece a cidade e o verán”.

Asegurou que, ademais de dous minicampamentos, esta edición se centra en obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías por tratarse dun ámbito que vén espertando un gran interese ao longo de edicións pasadas ao tempo que é un nicho de mercado de futuro e presente; na creación artística vinculándoa a espazos da cidade e a creadores e creadoras de Pontevedra ou relacionadas con Pontevedra; e na natureza para poñer en valor os xardíns, as praias, os ríos e o monte do Concello. 

A primeira das actividades comezará o 1 de xullo, e será o obradoiro artístico de creación audiovisual ‘Reflexións’, e a última terá lugar o 28 de agosto, que será a Celebración da Noite Europea dos Morcegos.

Programación

Minicampamentos:

  • Multiaventura  “Ollo Pontevedra que vamos” (8-16 anos) (2-6 agosto)
  • Regreso á prehistoria (11-14 anos) (2-4 agosto)

Obradoiros Artísticos

  • Creación audiovisual “Reflexións” (14-17 anos) (martes e xoves: 1, 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 xullo)
  • Mural artístico colectivo “Eduardo Pondal” (12-35 anos) (5-9 xullo)
  • Poesía expandida, creación artística e arte-factos poéticos (8-13 anos) (19-23 xullo)
  • Graffiti no Gafos (12-35 anos) (26, 27 e 29 xullo)

Obradoiros de tecnoloxía e informática

  • Impresión 3D (8-12 anos) (5, 6, 7, 8 e 12 xullo)
  • Programación de aplicacións para móbiles(12-18 anos) (13, 14, 15, 19 e 20 xullo)
  • Holografía e VR (8-12 anos) (21, 22, 26, 27 e 28 xullo)
  • Robótica (8-12 anos) (2, 3, 4, 5 e 9 agosto)
  • Robótica (13-18 anos) (2, 3, 4, 5 e 9 agosto)
  • Programación de videoxogos (8-12 anos) (10, 11, 12, 16 e 17 agosto)
  • Programación de videoxogos (13-18 anos) (10, 11, 12, 16 e 17 agosto)
  • Informática: Windows 10 (12-35 anos) (ma-mé-xo do 6 ao 29 xullo)
  • Informática: seguridade na rede (12-35 anos) (ma-mé-xo do 3 ao 26 agosto)

Natureza e aire libre

  • Paddle surf no Lérez (iniciación) (15-35 anos) (17 xullo)
  • 1º Curso de iniciación ao piragüísmo (9-15 anos) (6,9,13 e 16 xullo)
  • 2º Curso de iniciación ao piragüísmo (9-15 anos) (20, 23,27 e 30 xullo)
  • Xinkana de orientación nocturna (a partir dos 15 anos) (30 de xullo)
  • Observación astronómica no miradoiro de Verducido  (a partir de 12 anos) (31 xullo)
  • Observación astronómica “A vida dunha estrela nunha noite” (18-35 anos) (13 agosto)
  • Celebración da Noite Europea dos Morcegos (a partir dos 8 anos) (28 agosto)