Xogos Efecto PO2, o convite para volver ocupar o espazo público tras a pandemia

51
  • A Concellería de Promoción da Cidade promove dúas xornadas de xogos populares enfocadas especialmente a público familar e a fomentar a participación interxeneracional
  • Habilitaranse zonas de xogos en barrios e diferentes puntos da cidade na xornada do sábado 19 e unha gran final na praza de España na xornada do domingo 20

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá “Xogos na rúa”, unha nova iniciativa da Estratexia Efecto PO2 coa se que convida á veciñanza a ocupar o espazo público dunha maneira lúdica e participativa. Trátase de dúas xornadas de xogos, a celebrar en distintos barrios e puntos da cidade durante a fin de semana do 19 e 20 de xuño, e enfocada especialmente a público familiar e a fomentar a participación interxeneracional.

Anabel Gulías enmarcou esta iniciativa dentro das actividades que o Concello está realizando no mes no que se conmemora o Medio Ambiente, indicando que “non se me ocorre mellor cidade que a de Pontevedra para celebrar o mes do Medio Ambiente” e  que “tanto a través da recuperación do espazo público como doutras políticas que leva a cabo o Concello estamos poñendo o noso gran de area para loitar contra o cambio climático”.   Fixo fincapé que “desde as primeiras reformas urbanas que se fixeron, unha das cousas máis buscadas era que a xente se apropiase do espazo público, que en Pontevedra se concibe como un dereito”, ao que engadiu que “non podemos esquecer os acontecementos do último ano coa aparición da pandemia que fixo que nos tivésemos que relacionar doutro xeito”.

Con estes parámetros, Xogos Na Rúa convida a crianzas e maiores a ocupar distintos tramos de rúas e prazas da cidade e convertelos nun punto de encontro lúdico, no que compartir diversión e habilidade ao redor de xogos tradicionais e colaborativos como o peletre, tres en raia, a corda, o pano, e a colleita de mazarocas.

Na xornada do sábado 19, en horario de 11h a 13h habilitaranse os xogos en diferentes localizacións en 5 barrios: a ponte do Burgo, Pasarela 12 de Novembro (Pontevedra Leste), paseo entre a praza de Galicia e rúa Alcalde Hevia (barrio de Campolongo), rúa do Gorgullón, rúa Alemaña (Monte Porreiro). Ademais estableceranse quendas de participación ao longo da xornada atendendo aos protocolos Covid. Os equipos deberán estar formados como mínimo por unha ou un menor de 12 anos e unha ou un adulto. 

Na xornada do domingo 20, tamén de 11h a 13h, na praza de España terá lugar unha gran final na que participarán os equipos gañadores da xornada anterior. 

A participación é de balde pero é obrigatorio inscribirse previamente en apuntate.pontevedra.gal. As normas de cada xogo, así como outra información relativa a medidas Covid e premios para os equipos gañadores, poderán consultarse na web do Concello.