A carpa de Composta recolleu preto 250 inscricións nas tres xornadas a pé de rúa

1
  • As inscricións realizáronse a través da carpa que o Concello instalou na praza da Peregrina, no marco das actividades programadas para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente    

A Concellaría de xestión dos residuos municipais, que xestiona Raimundo González, contabilizou un total de 248 novas inscricións para participar no Plan Composta, tras tres xornadas de concienciación e divulgación a pé de rúa. Trátase da carpa de Composta que se instalou na praza da Peregrina os venres 28 de maio e 4 e 11 de xuño, no marco das actividades programadas polo Concello para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente.

A través desta carpa, persoal técnico ofreceulle á cidadanía información detallada sobre as tres modalidades de compostaxe que o Concello ten activas, tanto a individual orientada a vivendas unifamiliares, como a comunitaria a través dos centros de compostaxe polos barrios, ou a través do colector marrón activo na améndoa central da cidade.

O obxectivo fundamental desta acción era o contacto directo coa veciñanza para achegarlle esta información ao tempo que se posibilitaba que as persoas que aínda non participaban en ningunha das modalidades de compostaxe poidesen inscribirse. Neste sentido, constatouse un gran interese por parte da veciñanza así como un importante número de inscricións. A acción de difusión complementábase coa entrega dun saquiño de compost e unha planta aromática de uso culinairo.