O Concello presenta a modificación da RPT máis extensa dos últimos anos

157
  • Reorganiza un total de 33 postos de traballo co obxecto de axilizar a tramitación administrativa e reducir os tempos de espera da cidadanía 

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a proposta de modificación da Relación de postos de traballo do ano 2021 que, en palabras de Anabel Gulías “ é a máis extensa dos últimos anos do Concello de Pontevedra”.

A portavoz do Goberno municipal explicou que esta modificación “abrangue a 33 postos de traballo” e que implica “unha reorganización e unha reasignación dos postos existentes para a mellora dos recursos humanos municipais”. Entre os obxectivos desta reorganización dos organigramas citou “intentar mellorar as condicións de traballo de todo o funcionariado do concello de Pontevedra” dunha banda e, doutra, “mellorar a axilidade nos trámites administrativos para que os veciños e veciñas de Pontevedra dispoñan dunha Administración moderna, que reduza tempos de espera en expedientes e que ao mesmo tempo siga sendo garantista para a protección do interese público”.

Anabel Gulías enmarcou esta modificación da RPT na modernización da Administración pública e asegurou que permitirá o “afortalamento” de varios servizos, entre os que citou Benestar Social, as oficinas técnicas e das súas brigadas, e o servizo de Contratación do que salientou que é un dos que máis volume de traballo está tendo.

Referiuse especialmente a dúas áreas. Dunha banda á de Urbanismo, explicando que  se realiza “unha reasignación das tarefas directivas”, de xeito que das dúas xefaturas de servizo existentes, a de Urbanismo e a de Disciplina Urbanística, desglósase esta última para crear unha terceira xefatura que será a de Policía Urbanística. Esta nova xefatura encargarase dos procesos sancionadores e de competencias relacionadas con vivenda e inspeccións. 

A segunda área comprende a centralización das funcións de Administración Electrónica e Informática, que antes eran dous servizos diferenciados e que agora se glutinarán todos os recursos na área de Informática, o que permitirá que todas as tarefas estean agrupadas e se poida traballar con máis axilidade