O Orgullo 2021 reivindica as siglas da diversidade LGBTIQA ante a crecente ameaza dos discursos de odio e as agresións contra o colectivo

132
  • Entre as accións deseñadas pola Concellería de Igualdade inclúense un encontro co activista Jordi Petit, unha noite de cabaré e a instalación artística ‘Letras Coloridas’ no balcón do Consistorio
  • O programa impulsado por Yoya Blanco contempla unha charla de Fito Ferreiro e Ada Otero, arranxos florais reivindicativos dos Xardíns que Falan e talleres específicos para nenos no Ganapán

Despois dun 2020 centrado na loita contra a plumofobia, cunha instalación no balcón do Consistorio que captou a atención de toda a cidadanía, a Concellería de Igualdade pretende volver converter Pontevedra este ano en referente nacional do Orgullo cun programa de accións que terá como eixo vertebrador a reivindicación das letras que compoñen a terminoloxía da diversidade: L (lesbiana) G (gay) B (bisexual) T (trans) I (intersexual) Q (queer) A (asexual). Ante a crecente ameaza que os discursos de odio e a intolerancia promovidos no noso país polos sectores máis reaccionarios supón para o feminismo e a loita pola diversidade sexual e de xénero, o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco, a través do programa Pinto e Maragota, quere converter este Orgullo 2021 “nunha afirmación dos dereitos conquistados por parte do colectivo LGBTIQA+ durante os últimos anos e nunha campaña de visibilización e dignificación, con actividades pedagóxicas, educativas e de comunicación que cheguen ao público adulto e aos nenos e que nos axuden a erradicar as fobias da nosa sociedade”.

O programa, presentado esta mañá por Blanco na Sala de Prensa do Teatro Principal, incluirá un encontro co activista Jordi Petit, unha noite de cabaré no Gastroespazo da man dos Vermús de Pinto e Maragota, unha charla con Fito Ferreiro e Ada Otero, talleres temáticos de O Ganapán para os máis pequenos, arranxos florais reivindicativos dos Xardíns que Falan e a espectacular instalación artística ‘Letras Coloridas’ no balcón da Casa Consistorial. 

“Á espera da cita do que, sen dúbida, será o grande Orgullo de Pontevedra de 2022, cando todo isto pase, na edición deste ano queremos desenvolver accións diversas, festivas, divertidas, pero sobre todo, didácticas e reivindicativas. Os discursos de odio de determinadas formacións políticas e dos sectores máis extremistas do noso país constitúen un desafío para a convivencia e ‘desculpan’, dalgún xeito, o acoso que sofren moitas persoas. Hai unhas semanas padecemos unha nova agresión homófoba que se produciu en Vilagarcía de Arousa e ultimamente resulta frecuente atopar esta violencia feroz e arcaica nos telexornais”, asegurou a edil do PSOE.

Tal e como subliñou, “este discurso misóxino e sexualmente reaccionario intensificouse en moitos países nos que os movementos LGBTIQA+ tiñan obtido máis vitorias e acadaran avances, sen esquecer que, nestes momentos, facerse visible como gay, lesbiana, transexual ou bisexual en determinados estados europeos pode supoñer incluso un risco para a integridade persoal”. A concelleira de Igualdade lembrou que “ademais destas manifestacións abertamente homófobas, as persoas do colectivo escoitan de xeito moi habitual o que poderiamos denominar como ‘microlgbtifobias’: ‘por que non un día do orgullo hetero?’, ‘pois non se che nota nada’, ‘e como facedes na cama?’, ‘pois é unha lesbiana moi feminina’…”.

Un referente na loita polos dereitos LGTB para abrir o programa

Yoya Blanco precisou que o programa do Orgullo 2021 porase en marcha o luns 21 de xuño ás 20:00 horas na Casa das Campás, cun encontro titulado Orgullo e Memoria, “protagonizado polo activista Jordi Petit e centrado na memoria do colectivo”. “Petit -explicou a socialista- é un dos primeiros activistas LGTB de España e, na actualidade, o presidente honorífico da Coordinadora Gai-Lesbiana de Catalunya. Comezou moi novo a súa militancia política contra o Franquismo e en 1977 ingresou no momento gay, aínda legal naqueles escuros tempos. Foi coordinador do Front d’Alliberament Gai de Catalunya (FAGC), contribuíndo á loita para retirar a homosexualidade da Ley de Peligrosidad Social e a legalización das asociacións de gays e lesbianas. Destacado activista na Loita contra a SIDA e a solidariedade cos gays seropositivos, tamén iniciou as primeiras campañas de información sobre esta enfermidade”. 

En 1992 e 1993, Petit foi coordinador da campaña antidiscriminatoria ‘Democracia es Igualdad’, impulsada por once grandes oenegués e o Ministerio de Asuntos Sociais e cuxo impactante spot de televisión ‘Insultos’ foi galardoado por Nacións Unidas. Participou na loita polos dereitos civís de lesbianas e gays e contribuíu enormemente a incluír ás parellas homosexuais na Lei de Arrendamentos Urbanos de 1994, así como a castigar as discriminacións por causa de orientación sexual no Código Penal de 1995 e na promulgación da primeira lei española de parellas de feito en Cataluña, en 1998. 

De 1995 a 1999 foi secretario xeral da International Lesbian and Gay Association (ILGA), conseguindo que esta entidade acadase o status de ONG consultiva do Consello de Europa e sendo recibido por primeira vez en Xenebra por Mary Robinson, Alta Comisionada para os Dereitos Humanos de Nacións Unidas. É membro de honra de Stop Sida e recibiu diversos recoñecementos de organizacións como Fundació de Lluita contra la Sida, COGAM de Madrid e Col.lectiu Lambda de Valencia. Recibiu a Medalla de Honra de Barcelona e o Premio Solidariedade do Instituto de Dereitos Humanos de Cataluña. Asemade, en 2008 recibiu de mans de José Montilla, presidente da Generalitat de Catalunya, a Creu de Sant Jordi, a máxima distinción catalana, pola súa dedicación durante máis de trinta anos á loita polos dereitos civís. 

‘Letras Coloridas’ e xardíns reivindicativos

Segundo indicou Yoya Blanco, o programa continuará o mércores 23 de xuño ás 11:00 horas “coa presentación da instalación artística ‘Letras Coloridas’, unha chamada de atención a nivel estético que converterá en protagonistas luminosas as letras que identifican á comunidade LGBTIQA, acompañadas da súa definición”. “Se as ‘boas’ de cores do ano pasado xa acadaron a atención de tódalas persoas que pasaron pola Praza de España e mesmo de diversos medios a nivel estatal, non temos ningunha dúbida de que as letras luminosas que colocaremos no balcón do Consistorio para o Orgullo 2021 van ser outro rotundo exitazo”, avanzou a concelleira do PSOE.

Como tamén o serán, na súa opinión, os novos arranxos florais temáticos que o seu compañeiro Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, presentará o venres 25 de xuño no marco do proxecto os Xardíns que Falan. Como acontecera na pasada edición, os xardíns das prazas de España e Ourense volverán sacar a súa vea máis creativa e reivindicativa para replicar, con flores e plantas de diferentes cores, a mensaxe das letras do balcón do Consistorio.

A concelleira de Igualdade afirmou que “os sempre agardados Vermús de Pinto e Maragota regresarán o sábado 26 de xuño ás 23:00 horas ao Gastroespazo do Mercado de Abastos cunha noite de cabaré baixo o tentador título de Farándula Incandescente”. “Convidamos a todo o mundo a desfrutar desta casa do pracer, un espazo de xogo cos roles de xénero, diversidade e amor libre onde todo será posible, no que se estimularán tódolos sentidos e no que nada será o que semella ser. Un espectáculo sensual, mordaz, desenfadado, erótico, elegante e cheo de humor, que incluirá canto, striptease, danza, contacontos, monólogos, acrobacias, interpretación, transformismo… Unha viaxe chea de fantasía”, avanzou Yoya Blanco.

A Casa das Campás volverá ser escenario o martes 29 de xuño ás 20:00 horas dunha nova charla, neste caso sobre o ‘Dereito á diversidade’. O activista LGBTIQA+ Fito Ferreiro, membro da executiva de ALAS A Coruña (colectivo do que é membro fundador) que vén de demandar á TVG por acoso laboral por mor da súa orientación sexual, e a xurista, activista trans e formadora en igualdade e diversidade sexo-afectiva Ada Otero, coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra, serán os protagonistas deste coloquio arredor da protección legal en situacións de acoso e discriminación por orientación sexual.

No que atinxe ás actividades pensadas para os máis pequenos, o espazo de lecer infantil O Ganapán unirase un ano máis á festa do Orgullo cunha ampla programación en torno á diversidade, tanto no Espazo Gastro como no Espazo Crea, que se desenvolverá entre o martes 29 de xuño e o domingo 4 de xullo. Yoya Blanco precisou que “neste Ganapán de tódalas cores dispoñemos dunha biblioteca cunha boa selección de contos inclusivos como ‘Con tango son tres’, ‘Piratas no Recreo’, ‘Vivan as uñas de cores’, ‘Titiritesa’, ‘Quero ser raíña’, ‘Granxeiro e veterinario’, ‘Un año que é un porquiño’, ‘Pola mañá cedo’, ‘Non é hora de xogar’, ‘Unha chea de familias’… Que nos servirán de punto de partida para contacontos, obradoiros creativos, xogos e, por suposto, receitas ben coloridas, para celebrar, con orgullo, que o noso mundo é diverso e que nel cabemos todos e todas”. “Cada día -aclarou a edil socialista- haberá dúas quendas, en horario de mañá, en cada un dos espazos: ás 11:00 horas e ás 12:30 horas. As familias interesadas poderán inscribir aos seus fillos a través do  correo eletrónico oganapan@gmail.com”. 

Entre o mechandising que se distribuirá desde o Concello de Pontevedra para este Orgullo 2021 inclúense unhas viseiras coas siglas LGBTIQA e o logotipo da Concellería de Igualdade.