Os mariscos da ría serán os protagonistas do primeiro evento gastronómico do proxecto Pontevedra Capital Gastro: a Festa das Cunchas

658
  • Yoya Blanco presenta a festa gastronómica nun acto celebrado na Casa da Luz con showcookings dos chefs Vicente Tortajada, Marcos Romero, Carlos Barreira e o cocteleiro Carlos Abilleira
  • No programa inclúese a Batalla das Cunchas, un Roteiro de Petiscos, excursións en embarcacións tradicionais, unhas Xornadas Gastronómicas e o premio Loureiro de Ouro

Os incomparables mariscos de cuncha que temos na nosa ría (berberechos, ameixas, escupiñas, navallas, vieiras, zamburiñas, ostróns e mexillóns) serán os protagonistas do primeiro evento gastronómico que a Concellería de Promoción Económica e Turismo desenvolverá no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro: a I Festa das Cunchas, que terá lugar na nosa cidade entre os días 18 e 30 de xuño. A festa culinaria, que foi presentada esta mañá pola socialista Yoya Blanco nun acto celebrado na Casa da Luz que contou con showcookings dos cociñeiros Vicente Tortajada (La Culpa de la Gula), Marcos Romero (Mar de Fora) e Carlos Barreira (Bocarte) e mailo cocteleiro Carlos Abilleira (La Buena Vida), incluirá no seu programa a celebración da Batalla das Cunchas, un Roteiro de Petiscos, excursións en embarcacións tradicionais, unhas Xornadas Gastronómicas e o premio Loureiro de Ouro.

A presentación do evento, organizado en colaboración coa firma Carta Blanca, volveu contar cunha espectacular escenografía, composta por un rótulo de Capital Gastro, unha barca cunha mostra dos oito mariscos de cuncha, unha estación de exposición de latas de conserva, unha pantalla de TV e catro postos de cociña en directo para exhibicións de receitas en quente, en frío e de conserva e unha coctelería de marisco. Durante o acto, que contou cunha intérprete de lingua de signos do servizo municipal Comunico, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, patroa maior da Banda Cociñas de Pontevedra, actuou como mestra de cerimonias, detallando as actividades “desta celebración gastronómica única en España”, presentando “o impresionante vídeo promocional realizado por Abel Bonilla” e explicando as elaboracións en directo dos tres chefs e o cocteleiro: unha tapa quente (Vicente Tortajada), en frío (Marcos Romero) e de conserva (Carlos Barreira) e un cóctel a base de marisco (Carlos Abilleira), que por suposto puideron degustar os asistentes ao rematar. 

Tal e como sinalou Yoya Blanco, “un total de 46 establecementos de hostalería de Pontevedra volcaranse entre os días 18 e 30 de xuño co I Roteiro de Petiscos ‘Festa das Cunchas’, no que os participantes proporán un pincho confeccionado cun dos oito mariscos de cuncha homenaxeados neste evento, podendo establecer horarios para o desfrute destas receitas”. “A información será recollida nuns 5.000 folletos, que os clientes deberán ir selando nos distintos locais. Os 150 primeiros que poidan amosar que probaron ao menos unha tapa de cada un dos oito mariscos obterán un premio directo. Os galardóns anunciaranse a través das redes sociais de Pontevedra Capital Gastro e recolleranse na oficina de Turismo (planta baixa da Casa Consistorial)”, indicou a edil do PSOE.

Menús específicos e ambientación con motivos mariñeiros

Outra das iniciativas de promoción da hostalería contemplada nesta Festa das Cunchas serán unhas Xornadas Gastronómicas consistentes na proposta dun menú pechado no que se integre unha oferta baseada en receitas con calquera dos oito mariscos de cuncha. Segundo precisou Yoya Blanco, “as datas de celebración destas Xornadas serán o sábado e domingo das dúas fins de semana que dura a festividade, podendo ofertarse o menú para comidas e ceas e coa idea de manter o mesmo menú para os catro días: 19, 20, 26 e 27 de xuño”. “A dinámica -subliñou a concelleira- será semellante á dos menús que se fan na Feira Franca e, de feito, un dos alicientes para clientes e hostaleiros será a ambientación decorativa dos locais con motivos mariñeiros. O establecemento máis votado nas redes sociais de Pontevedra Capital Gastro obterá un substancioso premio. Estas publicacións deberán etiquetarse co hashtag #DECOfestadascunchas”.

Yoya Blanco avanzou que, entre as novidades desta I Festa das Cunchas, tamén está “o nacemento do Premio Gastronómico de Pontevedra Loureiro de Ouro, co que se pretende galardoar cada ano a persoas, agrupacións, empresas, proxectos e/ou lugares e que este ano recaerá no barrio da Moureira, pola súa historia como arrabal mariñeiro dedicado tanto á pesca como á salazón de peixe, e pola súa practicamente esquecida importancia na historia grastronómica da cidade”. 

O premio, que entregará Blanco na propia Moureira (no monteciño da desembocadura do río dos Gafos) o 25 de xuño ás 11:00 horas, consiste fisicamente nun prato de madeira cunha folla dourada de metal e unha inscrición gravada co texto ‘Premio Gastronómico de Pontevedra Loureiro de Ouro, ao Barrio da Moureira, polo valor histórico e gastronómico para a cidade de Pontevedra. Xuño 2021’. “Ese día degustarase unha mexillonada cociñada por un dos cociñeiros da Banda Cociñas de Pontevedra”, apuntou a edil de Promoción Económica e Turismo.

‘Robin Food’, na Batalla das Cunchas

Por se todas estas actividades non foran xa o suficientemente atractivas, Blanco compraceuse en confirmar “a presenza do cociñeiro e showman David de Jorge, máis coñecido como ‘Robin Food’, na Batalla das Cunchas, un evento chamado a ser un referente dentro desta cita gastronómica, que terá lugar o mércores 30 de xuño ás 18:00 horas na Alameda e que se converterá nun cóctel de diversión, festa e gastronomía, un momento para a unión e complicidade das cociñas da cidade”. Mediante sorteo, adxudicaráselle a cada chef un dos oito mariscos de cuncha protagonistas desta festividade (os cociñeiros que queden fora actuarán como xurado da Batalla), implicándoos nunha proba na que, como aclarou Yoya Blanco, “non gañará o cociñeiro, gañará o marisco”, de xeito que “se lle quite ferro á competición, os chefs desfruten e se abra a porta da camaradería”. 

“Será polo tanto un evento en directo para o que montaremos un escenario con oito cociñas e no que teremos oito personaxes caracterizadas dos oito mariscos da festa, que serán os encargados de ‘pelexar’ entre eles polo premio e de animar ao seu respectivo cociñeiro. Ao finalizar o cociñado das tapas, o xurado pasará a probalas e a deliberar, anunciando seguidamente o marisco gañador e poñéndolle unha coroa feita de loureiro. Contaremos con foodtrucks de comida, doces e bebidas”, adiantou a concelleira do PSOE.

Para completar este diverso e atractivo programa, a Festa das Cunchas tamén pretende recuperar un costume festivo ligado á actividade mariñeira dos tempos nos que o barrio da Moureira era o motor económico da cidade a través da pesca e o marisqueo: nas xornadas de festa era común pasear en barca polo río Lérez e a entrada da ría de Pontevedra. Deste xeito, os días 18, 19, 20, 25, 26 e 27 de xuño desenvolveranse excursións de 40 minutos en embarcacións tradicionais (un pequeno galeón e unha dorna), con saída desde o pantalán do Club Naval. 

“Un total de seis xornadas -precisou Yoya Blanco- cunha oferta de catro tripulantes por paseo, en diversos horarios de mañá e de tarde. Será preciso reservar praza de xeito gratuíto a partir de mañá pola tarde a través da web https://www.visit-pontevedra.com/”, apuntou Blanco.