Concello e Club Waterpolo Pontevedra únense a ASSEII para visibilizar as patoloxías intestinais e a importancia do deporte nos colectivos afectados

142
  • A iniciativa ‘Adestrar polas EII’ desenvolverase o vindeiro sábado 19 de xuño e traducirase na instalación dunha carpa con mesas informativas na Alameda e nunha xornada de deporte ‘en seco’
  • A campaña, na que colaboran as concellerías de Deportes e de Benestar Social, tamén inclúe a difusión dun vídeo promocional no que participan os socialistas Tino Fernández e Marcos Rey

Dar visibilidade ás Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII) e subliñar a importancia que ten o deporte na mellora da calidade de vida da poboación, en especial naqueles colectivos afectados por estas patoloxías, son os principais obxectivos da campaña ‘Adestrar polas EII’, impulsada pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) en colaboración co Club Waterpolo Pontevedra e as concellerías de Deportes, Actividade Física e Saúde e de Benestar Social. Entre as accións programadas no marco desta iniciativa, que se desenvolverá este sábado 19 de xuño, inclúense a instalación dunha carpa con mesas informativas na Praza de España e unha xornada de adestramentos e exercicios ‘en seco’ por parte dos rapaces de tódalas categorías do club pontevedrés.

A campaña, que foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; os voceiros de ASSEII Ángela Paz e Víctor Loira; o presidente do Club Waterpolo Pontevedra, José Tellería, e o director rexional de Relacións Institucionais de Janssen, José Luis Álvarez Casas, tamén se traduciu na difusión dun vídeo promocional a través de medios de comunicación e redes sociais. A peza audiovisual, que ten unha duración de dous minutos e medio, que realizou por Pablo Lubiáns (da firma Voando Dron) e na que tamén participaron os propios Fernández e Rey, xa está dispoñible na canle de Youtube do Concello de Pontevedra.

Tal e como sinalou Tino Fernández, este tipo de iniciativas “son fundamentais para visibilizar as Enfermidades Inflamatorias Intestinais, como o Crohn e a colite ulcerosa, e fomentar a actividade física como motor de mellora da calidade de vida”. “A pesar de non seren patoloxías minoritarias -salientou o edil do PSOE-, os enfermos de EII enfróntase de maneira habitual ao descoñecemento da enfermidade por parte das administracións e á ‘invisibilidade’ da mesma ante a sociedade. Nas mesas sobre as EII e o colectivo ASSEII que se instalará o sábado 19 na Alameda haberá folletos informativos a través dos que se pretende axudar ás persoas afectadas polas EII a manexar a súa enfermidade”. 

O tenente de alcalde subliñou que “padecer unha enfermidade crónica non pode ser un motivo para non practicar deporte e facer actividade física, por suposto sempre con prudencia e coa orientación da xente que sabe”, xa que “hai estudos que determinan que mesmo fai mellorar a evolución das patoloxías”. Na súa opinión, “aqueles que padecemos EII podemos facer unha vida normal, cos nosos coidados e restricións, na que debe incluírse tamén a práctica de actividade física, que pode ser máis ou menos intensa, desde dar un paseo ata coller a bicicleta”.

1.500 persoas diagnosticas con EII na área sanitaria 

Ángela Paz apuntou que “segundo indicou recentemente Daniel Carpio, responsable de Dixestivo, na área sanitaria de Pontevedra hai arredor de 1.500 persoas diagnosticadas con Enfermidades Inflamatorias Intestinais”, polo que “estas mesas servirán para que os afectados tomen conciencia da importancia de adherirse ao tratamento, de acudir ao tratamento e de trasladar aos seus médicos as dificultades coas que se atopan”, pero tamén funcionarán “como punto de información, sensibilización e concienciación das EII, difundindo a realidade do noso colectivo entre a poboación xeral”. A presidenta de ASSEII agradeceu a implicación do Concello e da firma Janssen nesta campaña de visibilización, e en especial, a dos responsables e rapaces do CW Pontevedra, que protagonizarán “adestramentos con grupos burbulla na Praza de España nesa xornada e que portarán as camisetas promocionais que confeccionamos para a mesma”. 

José Tellería afirmou que, ao igual que o equipo de waterpolo seguiu buscando xeitos para adestrar en todo momento a pesar da suspensión da competición por mor da Covid-19, “o feito de ter unha enfermidade ou doenza crónica non implica que non se poida facer deporte, co nivel e as características axeitadas, polo que animamos a todos a practicalo”. “Imos facer actividades ‘en seco’ -aclarou o presidente do CW Pontevedra-, xa que, salvo que levemos unha piscina inchable para alí, non hai auga. Realizaremos unha serie de exercicios onde os rapaces de tódalas categorías farán o que chamamos un adestramento ‘en seco’, que se emprega no waterpolo para mellorar a condición física”.

A realización destas actividades levarase a cabo cumprindo con toda normativa Covid-19. Dada a situación actual que vivimos como consecuencia da pandemia, a Asociación non puido realizar ningunha actividade para dar a coñecer as EII á cidadanía, polo que esta campaña resulta máis esencial que nunca.

Marcos Rey lembrou que as EII “poden derivar en manifestacións intestinais como dor abdominal, diarrea, sangrado rectal ou perda de peso” e nalgúns pacientes “tamén síntomas ou complicacións na pel, ollos e articulacións”. “Unha de cada 450 persoas -apuntou o concelleiro de Benestar Social- padece destes problemas, segundo a Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva, pero prevese que a maior incidencia desta enfermidade crónica aumente nos vindeiros anos. A Enfermidade Inflamatoria Intestinal afecta por igual a homes e mulleres e pode presentarse en calquera etapa da vida, con todo o diagnóstico faise máis habitual en pacientes de entre 20 e os 40 anos. Ademais, segundo os últimos datos presentados pola Organización Europea de Crohn e Colite e a Federación Europea de Crohn e Colite Ulcerosa, en España a incidencia desta enfermidade aumentou un 200% en menores de 18 anos”.

Velaquí o vídeo promocional da campaña: