Medio milleiro de ciclistas enfrontaranse este domingo a ramplas de máis do 20% na Pontevedra 4 Picos Road ‘Clásica Evaristo Portela’

576
  • O evento foi presentado hoxe nun acto no que participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández; o deputado Gregorio Agís, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz
  • Os participantes nesta IV edición da proba cicloturista deberán percorrer 121 kilómetros na distancia de fondo e 90 na de medio fondo. A organización conta cuns 70 voluntarios e 30 motos

Medio milleiro de ciclistas enfrontaranse este domingo 20 de xuño á IV edición da Pontevedra 4 Picos Road ‘Clásica Evaristo Portela’, cuxo itinerario discorrerá por Moraña, Campolameiro, Fentáns, Cuspedriños, Ponte Caldelas, Marcón, Lago de Castiñeiras, Marín e Pontevedra. Os participantes na proba cicloturista, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa firma Global DXT, a Deputación e a Federación Galega de Ciclismo, deberán completar un percorrido de 121 kilómetros, no caso de realizar a distancia longa (o fondo), ou de 90, para aqueles que opten pola de medio fondo.

O evento, que conta co apoio do Grupo Froiz, a bebida oficial galega Artio Sport Drinks e a cadea de Panaderías Xeve (que achega alimentos), así como doutros patrocinadores privados como Ottobosley, marca dos chalecos conmemorativos que se entregarán a tódolos inscritos, foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes Gregorio Agís; o director técnico do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Evaristo Portela; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o responsable da organización, Josevi Cimadevila, e o responsable de seguridade e tráfico da proba, o brigada da Garda Civil Óscar Álvarez.

Tino Fernández amosouse “moi feliz de que Evaristo Portela sexa profeta na súa terra e de que, entre todos sexamos capaces de recoñecerlle o seu traballo, implicación e anos de sacrificio para que o deporte en xeral e o da bicicleta en particular fora coñecido e a xente se animase a practicalo”, ao tempo que destacou o traballo da organización e das Forzas de Seguridade “para xestionar a celebración dunha proba que nunca é fácil de organizar, pero que en tempos de pandemia o é aínda menos”. Segundo subliñou o edil do PSOE, os principais obxectivos da Pontevedra 4 Picos Road son “que a xente poida pasar un día agradable facendo o que lle gusta facer e coñecendo paraxes fantásticas deste e doutros concellos da provincia” e “fomentar a actividade física e o gusto por facer deporte”. “A actividade física -indicou- debe formar parte dos nosos hábitos de vida, mesmo desde un punto de vista egoísta, para aforrarlle cartos ao sistema nacional de saúde, e este tipo de eventos son excelentes para fomentala. A marca 4 Picos, que naceu hai uns anos con certa dose de humildade, amosou que se poden organizar cousas que animen á xente a vir a Pontevedra e a xerar movemento económico”.

O deputado provincial Gregorio Agís fixo fincapé nas “extraordinarias medidas de seguridade” desta proba, “na que é un orgullo participar para a Deputación”, ao potenciar o deporte e os hábitos de vida saudable e, por seren un evento para ciclistas amateur, “ao ter ese compoñente turístico e dar a coñecer a nosa provincia”. Na súa opinión, “conxúganse unha serie de características e condicións para que esta edición, como todas as anteriores, sexa un éxito”.

Test de antíxenos para tódolos participantes

Josevi Cimadevila lembrou que a Pontevedra 4 Picos Road “non é unha proba competitiva, senón cicloturista, que defende o espírito do cicloturismo, consistente en coñecer o noso contorno a través de diferentes estradas”. O responsable da organización do evento sinalou que esta Clásica, homenaxe a Evaristo Portela, “pretende que tódolos deportistas se sintan seguros nestes tempos de pandemia, polo que a organización realizará test de antíxenos para garantir que os seus participantes son Covid-free e poden estar sen máscara durante todo o percorrido, e embolsará e entregará os avituallamentos de xeito individualizado”. Ademais, a proba conta con máis de 30 motos, entre motoenlace e motos de tráfico, máis de 70 voluntarios repartidos en diversos puntos e zonas de avituallamento, coche de inicio e peche, asistencia en proba e un sinfín de medidas para que os ciclistas se atopen seguros.

Evaristo Portela agradeceu á organización, voluntarios e institucións públicas que na súa propia cidade se faga unha marcha cicloturista co seu nome e que é “unha das mellores organizadas en materia de seguridade”, o que é un motivo para encherse “de orgullo e satisfacción”, e aplaudiu neste sentido, “a paixón” e o “traballo invisible” do brigada Óscar Álvarez. “É unha proba para desfrutar -salientou Portela-, unha xornada de festa para que homes, mulleres e nenos desfruten. O percorrido é espectacular, encántame”.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo destacou o excepcional despregue de seguridade que fará posible a celebración da 4 Picos “nunha das mellores cidades do mundo neste eido e no dos grandes eventos deportivos nacionais e internacionais”. Tal e como asegurou Juan Carlos Muñiz, á marxe da súa vertente deportiva, o evento axudará a coñecer a paisaxe dos arredores de Pontevedra e dos concellos limítrofes: “Din que os mellores estadios son os improvisados e nós vivimos nun sitio privilexiado, cunha das mellores paisaxes das que se pode desfrutar a nivel mundial”. 

Vías cortadas ao tráfico para desfrutar da máxima seguridade vial

Óscar Álvarez afirmou que comezar coa coordinación da seguridade desta proba hai uns anos “supuxo un reto importante, o inicio dunha amizade co homenaxeado, con Evaristo Portela, e o coñecemento de persoas como Juan Carlos Muñiz e Josevi Cimadevila”. O brigada da Garda Civil destacou a profesionalidade e implicación da organización da 4 Picos Road, “que vela pola seguridade da proba” e que facilita o seu traballo, achegando “todo aquilo que se lle solicita”. “É un reto organizar a seguridade dun evento que acumula 500 participantes este ano, 750 nalgún outro. Tratamos a 4 Picos Road como unha proba deportiva e competitiva, é dicir, cunha cápsula de seguridade na que as vías e estradas polas que discorrerá estarán pechadas ao tráfico para que os participantes poidan desfrutar da seguridade vial sen inconvintes e sen que ningún vehículo irrompa na vía pola que van circulando”, precisou Álvarez.

O primeiro treito da Pontevedra 4 Picos Road (26 kilómetros) realizarase de forma neutralizada, ata Moraña, onde os participantes teñen o primeiro avituallamento. Unha vez alí, poderán ir á súa velocidade, sempre tendo en conta a seguridade, dirixíndose cara Campolameiro e, na súa zona máis baixa, en Fentáns, iniciando o primeiro dos treitos cronometrados, de 5 kilómetros, ata Cuspedriños. Posteriormente, os participantes continuarán a ruta cara Famelga, Aguasantas, Laxoso e Ponte Caldelas, aproximándose pouco a pouco ao final do medio fondo, que se localiza en Marcón. Os máis ousados dirixiranse pola estrada de Tomeza cara a base do Lago de Castiñeiras, que bordearán para poder facer a última ascensión pola súa vertente máis dura: o Muro de San Xulián, que coas súas ramplas de máis do 20% de desnivel será o colofón desta proba e no que os ciclistas volverán atoparse co crono.

Unha vez coroado o Lago, disporanse grupos de ciclistas que se dirixirán de forma guiada por motos de tráfico e motoenlace cara á liña de meta, pasando antes polo concello de Marín. En torno ás 14:30 horas terá lugar na avenida de Montero Ríos a entrega de premios e agasallos aos participantes nesta Pontevedra 4 Picos Road.