O Concello aplicará unha bonificación do 3,5% no recibo de decembro relativo á recollida do lixo
201
A bonificación correspóndese coa redución de envío de residuos a Sogama grazas ás medidas de fomento da reciclaxe e dos sistemas de compostaxe
Esta bonificación supón que o recibo bimestral de 21,93 euros pasa a 17,32 euros no mes de decembro
O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, anunciou esta mañá que a Comisión de Economía deu conta da modificación da ordenanza reguladora da taxa polo servizo de recollida de lixo, o que implica que “ao igual que en anos anteriores, se contempla unha baixada desta taxa para todos os contribuíntes do 3,5%”. A modo de exemplo, explicou que “se un cidadán paga 21,93 euros ao bimestre por lixo, no mes de decembro pagará 17,32” ao aplicar esta modificación. Indicou que esta redución é proporcional á taxa de recollida, polo que será maior para un establecemento comercial ou de hostalería.
A modificación correspóndense coa bonificación pola redución de envío de residuos a Sogama. Así, Raimundo González indicou que se corresponde “cunha orde da Consellaría de Medio Ambiente que fixa o canon de Sogama e que recolle que se se adoptan medidas de redución e recuperación de recollida selectiva, de redución de residuos e fomento de reciclaxe de envases lixeiros, se disminuímos a cantidade de lixo porque o recuperamos ou ben porque o transformamos en compost, podemos ter unha bonificación de case 7 euros por tonelada en Sogama”. Como resultado, cifrou a bonificación a aplicar no recibo do mes de decembro nunha baixa de 4,60 euros, o que suporá “unha merma en ingresos para o Concello de 217.000 euros”.
Raimundo González afirmou que esta bonificación é posible grazas a que “hai un compromiso máis que evidente dos veciños de Pontevedra coa compostaxe e coa reciclaxe” que se debe ao “incremento de composteiros individuais, ao incremento de centros de compostaxe comunitario e ao Plan Composta coa recollida de biorresiduos co colector marrón”. Neste punto, agracedeu “aos veciños este compromiso co medio ambiente e por fomentar esta redución de envíos a Sogama que va en beneficio de todos, non só dos cidadáns que ven reducida a súa taxa, senón tamén coa emisión de menos gases de efecto invernadoiro ou co incremento da economía circular”.
Sobre a redución de envíos a Sogama, sinalou que Pontevedra enviou, no ano 2019, 29.479 toneladas de lixo, que en 2020 se reduciu esa cantidade ata as 28.282 toneladas e que en 2021 se espera manter esta redución en algo maís de 1.000 toneladas posto que nos datos comparativos entre xaneiro e maio con respecto a o ano pasado, neste ano xa se leva unha redución de 492 toneladas.
Tamén indicou que no pasado exercicio “a factura con Sogama diminuíu en 195.000 euros e sen embargo a merma nos ingresos foi de 226.000 euros, dito de outra maneira, a redución que facemos na ordenanza é superior ao que nos diminúe a factura de Sogama”