Os máis pequenos poderán elaborar tiramisú de limón e galletas de plátano, coco e chocolate esta fin de semana no Espazo Gastro de O Ganapán

17
  • Os participantes no programa de lecer infantil do Mercado tamén confeccionarán unha divertida canastra e coñecerán o mundo dun dos animais mariños máis curiosos: a lura
  • As inscricións nos talleres, destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos, poderán realizarse no correo oganapan@gmail.com ata as 16:00 horas do día previo á celebración das actividades

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, chegará esta fin de semana ao Mercado de Abastos cunha oferta na que se inclúe, dentro do seu Espazo Gastro, a elaboración de tiramisú de limón e de galletas de plátano, coco e chocolate. Asemade, os talleres, que están destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos e que se desenvolverán tanto o sábado como o domingo en dúas sesións (ás 11:00 e ás 12:30 horas), tamén permitirán aos máis pequenos, no Espazo Crea, confeccionar unha divertida canastra e explorar o mundo dun dos animais máis curiosos e simpáticos do mundo Mariño: a lura.

Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “todos aqueles rapaces e rapazas interesados en participar poderán apuntarse de xeito gratuíto a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com, permanecendo aberto o prazo de inscrición ata as 16:00 horas da xornada anterior á celebración dos obradoiros”. “O mellor consello que lles podo dar aos pequenos é que non se esquezan de levar a súa friameira para levar a casa o que cociñen -subliña a edil do PSOE-, xa que o sábado 19 de xuño van elaborar unha receita de galletas de plátano, coco e chocolate moi fácil e saborosa, sen glute, sen lactosa, sen ovos, sen azucre e sen leite na súa composición. Porque comer rico e san pode ir da man. Ademais, o domingo 20 farán unha variación dun dos doces clásicos italianos por excelencia, empregando limóns: un tiramisú de limón ideal como sobremesa fresquiña para sorprender ás amizades”.

Segundo sinala Yoya Blanco, “dado que, ademais de comer e pintar, no Ganapán tamén nos gusta practicar deporte, o sábado 19 desenvolverase un taller denominado ‘Encesta!’, no que a rapazada poderá crear unha canastra de xoguete e tentar encestar nela, e o domingo 20 outro titulado ‘A amiga a lura’, no que coñecerán moitas das habilidades secretas deste gracioso molusco”.