As obras de reforma do edificio Centro Sur comezarán en xullo

42
  • O orzamento de adxudicación ascende a 1.547.129,15 euros e  o proxecto ten un prazo de execución de oito meses 
  • A reforma permitirá destinar dous andares a residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer-Aspace, que a propia entidade espera ter en funcionamento no mes de setembro de 2022

O vindeiro mes darán comezo a obras de reforma do Centro Sur, nos primeiros meses de 2022 está previsto que a intervención estea rematada e no mes de setembro, Amencer-Aspace podería comezar a utilizar a súa nova residencia para persoas dependentes con servizos de atención diurna. Estes son os prazos anunciados esta mañá na visita realizada ao edificio e na que participaron o  alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, as concelleiras Anabel Gulías e Carme Fouces, os concelleiros Marcos Rey e Iván Puentes, o presidente e a xerente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy e Mónica Touriño, técnicos municipais entre os que estaba o arquitecto xefe municipal, Ángel Velando, e a arquitecta responsable da Oficina de Planeamento, Rosa Magdalena Fernández, e responsables da empresa adxudicataria das obras, Construcciones Ramírez.

Convén lembrar que esta fase da reforma do edificio conta cun orzamento de adxudicación de 1.547.129,15 euros e un prazo de execución de oito meses desde o inicio dos traballos. As obras implican o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dous andares destinados á residencia de Amencer-Aspace, que contará con capacidade para 32 prazas (16 prazas por andar). 

Tras coñecer polo miúdo o proxecto técnico, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que “hoxe é un día importante por varias razóns”, entre as que citou que “esta é obra sociosanitaria máis importante que ten feito o Concello nos últimos tempos” e porque “lle dá unha solución a Amencer”. Lembrou que terá continuidade e que, nunha fase posterior, se destinarán as dúas plantas superiores a Cogami, polo que o edificio ao estar destinado a dous centros sociosanitarios diferentes “tiña unha certa dificultade e houbo que facer unha planificación para que os accesos foesen idependentes”. Asegurou estar “encantado” coas solucións acordadas polos técnicos municipais e os arquitectos redactores do proxecto e indicou que esta actuación se enmarca “nunha aposta grande polo investimento social no Concello de Pontevedra”. Así, citou outros proxectos en marcha neste ámbito, como o centro de formación e a residencia de Xoán XXIII, proxectos ambos nos que colabora o Concello. Tamén aproveitou para sinalar que a obra de refroma do Centro Sur foi adxudicada a unha empresa pontevedresa polo que “se reinvirte na cidade dalgunha forma e se reactiva a economía local”. Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social coincidiu co alcalde en resaltar “o compromiso do Concello, neste caso con Amencer-Aspace” e desexou que “o centro sexa unha realidade e poida ser utilizado canto antes polos usuarios”.

O presidente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy asegurou que esta reforma e a futura residencia “é un soño”, que enmarcou como “o resultado de conversas que tivemos co Concello desde fai moitos anos e temos que deixar constancia, porque é de xustiza, que desde o primeiro momento sempre fomos ben recibidos e con ánimo de solucionar os problemas”. Insistiu en amosar o seu agradecemento ao Concello por este proyecto “desde o técnico máis sinxelo, pasando polos concelleiros e ata o alcalde como máximo respresentante”, e explicou que cando a nova residencia sexa unha realidade “vainos dar unha tranquilidade inmensa e vainos solucionar un problema que todo o colectivo temos, porque calquera nalgún momento da súa vida pode necesitar este recurso”. 

Datos técnicos da obra de reforma

  • Reforma das plantas 1ª e 2ª do edificio 
  • Novo acceso: unha rampla e plataforma que vai servir de acceso directo e independiente á primera planta.  
  • Accesos independentes para o resto do edificio
  • Superficies: Superficie útil total: 1.068, 23 m2
  • Superficie construída total:  1.504,07 m2 (incluida rampla e plataforma de acceso)
  • Criterios funcionais:
    • Diferenciación entre dous grupos de residentes en función do seu distinto grao de dependencia, e polo tanto de nivel de atención, o que implica tamén diferenzas na organización dos espazos más privados. 
    • Dormitorios da planta primeira destinados aos dieciséis residentes con maior grao de dependencia. Inclúe oito dormitorios dobres con cuartos de baño integrados en todos eles. 
    • Dormitorios da planta segunda con oito dormitorios individuais e catro dobres, e catro cuartos de baños comúns, destinados aos residentes con maior grao de autonomía. 
    • Dese modo, e dado que as zonas de actividade diurna están na planta inferior (primeira), os residentes que teñen os dormitorios nesta planta apenas necesitarán utilizar a escaleira e o ascensor, e terán maior facilidade de evacuación en caso de necesidade, ao encontrarse toda a súa zona de actividade no nivel de saída do centro.  

O proxecto de reforma do edificio Centro Sur está enmarcado nos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.