Benestar Animal e Desenvolvemento Sostible lanzan unha ofensiva para acabar cos residuos sólidos caninos nos parques e rúas de Pontevedra

150
  • A campaña ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ traducirase na distribución de flyers, a instalación de carteis e pancartas e a sinalización das ‘cacas’ non recollidas mediante cruces marróns
  • A iniciativa impulsada por Iván Puentes e Marcos Rey ‘viaxará’ por distintas zonas verdes da cidade para concienciar dos prexuízos das deposicións para os xardineiros e o conxunto da cidadanía

As concellerías de Benestar Social e de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixen os socialistas Marcos Rey e Iván Puentes, acaban de poñer en marcha unha ofensiva co obxectivo de acabar cos residuos sólidos caninos nos parques e rúas de Pontevedra. Entre outras accións, a campaña de concienciación ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ traducirase na distribución de flyers con consellos para pasear ás nosas mascotas, a instalación de carteis e bandeirolas que advirten dos prexuízos que as deposicións teñen sobre os xardineiros e das sancións que a lei recolle para aqueles que non as retiran e unha ‘performance’ consistente na sinalización das ‘cacas’ non recollidas mediante cruces marróns.

A iniciativa foi presentada esta mañá por Rey e Puentes no parque de Amalia Álvarez, unha zona verde moi empregada para o paseo de mascotas, nun acto no que estiveron acompañados por membros da asociación protectora Os Palleiros e do club Diverti Cans, que asistiron con algúns dos seus ‘peludiños’. Ademais de exhibir as creatividades deseñadas para a campaña, tamén estampadas en chapas, os concelleiros amosaron a escenografía que ‘viaxará’ por distintas zonas verdes de Pontevedra durante un tempo para chamar a atención sobre a necesidade de conxugar o cariño animal coa limpeza e a convivencia: ao xeito dos cemiterios de posguerra, as hastas cruzadas de cor marrón que simbolizarán todas e cada unha das deposicións de cans non recollidas polos seus amigos humanos nos parques e xardíns da cidade.

Tal e como apuntou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “trátase dunha campaña senlleira, con esta ‘performance’ que se dirixe ás persoas que pasean co seu can ou cadela e que subliña, cun ton tráxico, a enorme incomodidade que sofren os traballadores que coidan dos nosos xardíns cando dan cos fíos das desbrozadoras nas ‘cacas’ e rematan literalmente ‘duchados’, tendo que convivir con esa nauseabunda sensación durante o resto da súa xornada laboral”. Iván Puentes sinalou que “o fenómeno dos residuos sólidos caninos non é exclusivo dos parques, senón que se estende a todo o espazo público urbano, onde algunhas persoas amosan comportamentos incívicos”, o que levou a desenvolver unha campaña máis ampla, en colaboración con Benestar Animal, con bandeirolas, chapas e flyers que amplifican “o constante berro da cidadanía por camiñar sen medo a atoparse con residuos caninos e gozar de parques e rúas limpos de substancias impropias”.

Baixo o lema ‘Así si’ e un debuxo no que un cidadán leva na súa man unha bolsiña coas deposicións da súa mascota, a campaña ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ busca chamar a atención con mensaxes directas como ‘Sabes que as persoas que coidan os xardíns quedan cheas de excremento se pillan unha caca do teu can coa desbrozadora?’ ou ‘Sabes que non recoller as cacas pode supoñer unha multa de ata 500 euros’. Asemade, segundo explicou Marcos Rey, os flyers que se van distribuír establecen “unha lista de consellos que a xente debe seguir para pasear co seu can ou cadela e comportarse como un bo cidadán canino: elixir un colar ou arnés axeitado aos costumes do ‘peludo’; poñer máis atención no caso de empregar unha correa longa; tentar que o animal pasee relaxado e sen tensións; sacar ao can á rúa coa frecuencia necesaria; permitirlle gozar do paseo, uliscar e descubrir novos lugares; premiarlle as boas condutas e levarlle auga para beber; fomentar a súa socialización con outros cans; levar unha botella con auga para aclarar os lugares nos que mexe; recoller nunha bolsiña os restos e deposicións, e poñerlle correa e bocal na cidade no caso de seren de raza catalogada como potencialmente perigosa”.

O concelleiro de Benestar Animal asegurou que “ninguén debería ter un can se non pode coidar del nas condicións axeitadas e de comportarse dun xeito cívico e empático, cumprindo co seu deber de educalo e, sobre todo, de educarse a si mesmo na recollida dos excrementos e a limpeza dos mexos con auga”. “Aínda que algúns o teñan normalizado, deixar as ‘cacas’ do noso can na rúa ou nunha zona verde, non é normal e ademais é ilegal. Do mesmo xeito que non é normal que levemos a noso animal a mexar diante dun portal ou no medio da beirarrúa, como acontece máis a miúdo do que debería”, afirmou o edil do PSOE.

Na súa opinión, trátase de “comportamentos egoístas e incívicos” que, á marxe de afrontarse tamén coas accións punitivas e sancionadoras contempladas na lexislación vixente, requiren de “campañas educativas e de concienciación como esta”, para que sexa “o conxunto da sociedade a que amose un rexeitamento contundente aos mesmos”. “Os animais non poden comprender tódalas normas de convivencia dos humanos, pero si lles podemos ensinar a obedecelas. Para iso, os humanos debemos primeiro interiorizalas, normalizalas, ter empatía e amosar un respecto ilimitado polos demais”, subliñou Marcos Rey.

O concelleiro de Benestar Animal anunciou a súa intención de complementar esta campaña de fomento de recollida de deposicións coa distribución de botellíns “para que algúns donos de cans perdan dunha vez ese incivilizado e desconsiderado costume de non limpar con auga os ouriños que as súas mascotas fan en espazos públicos”.

Non se trata de criminalizar, senón de visibilizar aos bos propietarios

Iván Puentes constatou que algunhas zonas verdes da cidade, en especial as situadas en contornos con alta presión demográfica (como a Praza de Pasarón ou o parque do río dos Gafos), “son uns dos puntos máis quentes de acumulación de excrementos por parte dunha minoría que non exerce de bo cidadán canino e non recolle as deposicións das súas mascotas”, motivando “un problema de salubridade, de civismo e de bo mantemento dos xardíns, pero tamén económico, porque acaban deteriorando a herba e as flores e supoñendo máis gasto para tod@s, e sobre todo para os traballadores de Parques e Xardíns”. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible salientou que “non se trata para nada dunha campaña de criminalización, senón todo o contrario, de visibilización e posta en valor do que é ser un bo acompañante e un bo propietario dunha mascota: tratala cos maiores cariños posibles, pero tamén cumprir obrigas como recoller os excrementos”. “Este tipo de iniciativas -engadiu o edil socialista- vanse complementar coa creación de espazos específicos planificados en diversos puntos da cidade para que os cans poidan xogar con liberdade”.

Carlos Souto, responsable do club canino Diverti Cans, incidiu na necesidade de concienciar á xente de que “un can non é un xoguete, non lle podemos sacar as pilas, senón que ten necesidades psixcolóxicas e físicas, entre elas saír á rúa a facer os seus excrementos, e os donos debemos ser responsables de que iso non se quede na rúa”. Souto apuntou que “xente como nós, que traballamos con cans tódolos días vemos o que está a acontecer, e o vemos incluso nas nosas propias instalacións, nas que temos que dicirlles aos donos que recollan as deposicións que acaban de facer as súas mascotas e as leven aos contedores”. 

Neste mesmo sentido, Raquel Bello, de Os Palleiros, indicou que, “despois de tantos anos incidindo no mesmo, esta campaña volve facer fincapé nalgo que debería ser básico, pero semella que sempre hai novos donos de cans, que comezan de cero e igual son un pouco despitados, e témosllo que lembrar”. “Unha cousa é que un día che quede unha ‘caca’ atrás -matizou Bello- e despois xa hai o tipo de xente que frecuenta unhas zonas e horarios nos que sabe que é pouco visto. É algo no que temos que insistir e que debemos denunciar, mesmo avergoñando aos que teñen esa actitude”.