Desenvolvemento Sostible conecta as sendas do Lérez coas do Almofrei mediante unha pasarela de 20 metros que discorre baixo a ponte de Bora

34
  • O concelleiro socialista Iván Puentes protagoniza unha camiñada para comprobar o resultado dos traballos, nos que o Servizo Municipal de Medio Ambiente investiu máis de 20.000 euros
  • Partindo da ponte da N-541, a estrutura metálica permite continuar pola marxe dereita do Almofrei cara a O Salgueiral sen ter que cruzar a estrada, eliminando así a inseguridade vial

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, vén de rematar a construción dunha pasarela metálica duns 20 metros baixo a ponte da estrada N-541 sobre o río Almofrei, ao seu paso pola parroquia de Bora. Esta nova estrutura, que comeza na marxe dereita da base da ponte, na súa cara norte, e que transcorre pode debaixo da mesma ata alcanzar a súa cara sur, permite conectar as sendas de pescadores do Lérez coa do río Almofrei en dirección a O Salgueiral.

O propio Iván Puentes desprazouse esta mañá ata a zona para inaugurar cunha camiñada a pasarela, na que o Servizo Municipal de Medio Ambiente investiu máis de 20.000 euros e que “fai posible continuar pola marxe dereita do Almofrei cara a O Salgueiral sen necesidade de ter que cruzar a estrada N-541, eliminando totalmente a inseguridade vial e o risco de accidentes e prolongando o percorrido existente”. “O leito do río Almofrei ocupaba neste punto todo o ancho que lle permitía a propia luz da ponte -explicou Puentes-, e non existían elementos de ningún tipo entre ámbalas bases máis que o mesmo río, polo que foi preciso fixar mecanicamente unha pasarela sobre o leito na base da ponte. O proxecto respectou na medida do posible o contorno natural existente, executándose coas mínimas alteracións do medio”.

A pasarela consta dunha estrutura metálica anclada á base da ponte, que discorre ao longo da mesma e que se fixo totalmente voada coa finalidade de non facer apoios sobre o leito do río e de evitar así o risco de arrastres no caso de enchentes. Sobre dita estrutura construíuse a base da pasarela, executada en emparrillado metálico galvanizado (está previsto aplicar tratamentos protectores nun prazo de tempo que non excederá dos cinco anos).

Tal e como subliñou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “este proxecto segue a liña das últimas actuacións nas sendas peonís e sendeiros de pescadores das marxes do río Lérez, nas que se buscou acadar unha maior accesibilidade dos diferentes treitos que percorren as beiras do río e as súas posibles conexións con outras sendas que permitan diversificar as rutas que existen no Concello, abrindo deste xeito o abano de posibilidades a establecer por cada usuario en función das súas esixencias ou demandas”.