O Pleno da Corporación de Pontevedra estreará o vindeiro mes o servizo de intérprete de lingua de signos do programa Comunico

117

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, anunciou esta mañá que “o Pleno da Corporación Municipal de Pontevedra estreará, na sesión ordinaria que se celebrará o vindeiro mes de xullo, un servizo de intérprete de lingua de signos (Ilse) que fará accesibles os debates ás persoas con diversidade sensorial”. Tal e como precisou, a posta en marcha deste servizo enmárcase dentro do programa Comunico, cos que o Concello pretende promover a equidade e a accesibilidade universal en tódolos eidos da administración, mellorar a calidade de vida das persoas xordas e acadar a súa plena integración.

Rey avanzou que “nos vindeiros días, a Concellería de Benestar Social tamén instalará os seus primeiros bucles magnéticos nas oficinas do Rexistro Xeral do Concello e o Chalé de Fontoira (Servizos Sociais), así como letreiros indicativos que informarán da súa disponibilidade”. “A nosa intención é normalizar a presenza dos intérpretes de lingua de signos en todo tipo de eventos e actividades de carácter protocolario -lembrou o edil socialista- e dotar de bucles magnéticos portátiles e fixos diversos edificios públicos”.

Entre as asistencias ofertadas dentro do proxecto Comunico tamén se inclúe un Servizo de Interpretación e Mediación para a realización de trámites administrativos (cuxa demanda se xestiona, ao igual que as solicitudes de información dos usuarios, a través da dirección de email comunico@pontevedra.eu). Asemade, Benestar Social tamén está a promover o emprego de máscaras comunicativas para a poboación xeral e o deseño de páxinas web de consulta reiterada con parámetros de accesibilidade (Igualdade, Turismo e sede electrónica do Concello, entre outras).

Deste xeito, o programa Comunico busca previr situacións de vulnerabilidade, abandono e illamento e garantir o acceso e o exercicio do seus dereitos á cidadanía con diversidade sensorial en condicións de equidade.