Pontevedra inaugura o seu I Roteiro de Petiscos da Festa das Cunchas

94

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inauguraron esta mañá, acompañados polos concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey e o presidente do colectivo de hostaleiros Hoempo, Daniel Lorenzo, o Roteiro de Petiscos da Festa das Cunchas degustando as tapas ofertadas por tres dos establecementos participantes: unha deliciosa vieira á prancha salteada con salsa ao ‘ajillo’ sobre base de pan de cea con tomate natural untado e xamón serrano de porco criado con castañas elaborada polo Café Bar Lelé II (rúa Padre Fernando Olmedo), rexentado por Rafael Rúa; uns mexillóns fritos con pataca e pemento ofertados pola propietaria do restaurante Hangar 218 (rúa Virxe do Camiño), Charo Muñiz, e outra receita de mexillón, neste caso en pataca, confeccionado por Ramón Pedras Lorda, de La Cata. Blanco deulle “a benvida a este evento gastronómico que conta coa implicación de 46 negocios de hostalería da cidade e que, ao longo de 12 días, ofrecerá a pontevedreses e visitantes a oportunidade de gozar de deliciosas receitas elaboradas cos oito mariscos que protagonizan a festividade: ostrón, mexillón, zamburiña, vieira, navalla, ameixa, berberecho e escupiña.

Os establecementos e petiscos foron recollidos en 5.000 folletos informativos (algúns deles editados en braille pola Once para os consumidores con discapacidade visual e dispoñibles na oficina de Turismo de Pontevedra), que os clientes deberán ir selando nos distintos locais. Os 150 primeiros que poidan amosar que probaron ao menos unha tapa de cada un dos oito mariscos obterán un premio directo. Os galardóns anunciaranse a través das redes sociais de Pontevedra Capital Gastro e recolleranse na oficina de Turismo (planta baixa da Casa Consistorial).

Esta fin de semana tamén poderemos desfrutar das Xornadas Gastronómicas da Festa, nas que os locais participantes ofrecen un menú pechado baseado nos oito mariscos de cuncha, cunha dinámica semellante á da Feira Franca e que terán como aliciente para clientes e hostaleiros a ambientación decorativa dos locais con motivos mariñeiros. O establecemento máis votado nas redes sociais de Pontevedra Capital Gastro obterá un substancioso premio (as publicacións deberán etiquetarse co hashtag #DECOfestadascunchas).