Publicadas as bases definitivas para a renovación da nova imaxe corporativa do Concello

67
  • O prazo para presentar portfolios comeza o luns 21 de xuño e remata o venres 2 de xullo
  • A convocatoria está aberta para as persoas, físicas ou xurídicas, cuxa actividade principal sexa a creación, o deseño gráfico, marketing ou publicidade

A ‘Chamada a proxecto: nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra’ vén de ser publicada no taboleiro de anuncios electrónico do Concello de Pontevedra e no Perfil do Contratante da sede electrónica, polo que se abre o prazo de dez días hábiles para a presentación de portfolios. Desde xeito, as persoas, físicas ou xurídicas, cuxa actividade principal sexa a creación, o deseño gráfico, marketing ou publicidade, contarán cun prazo entre o 21 de xuño e o 2 de xullo para presentar os traballos correspondentes á súa marca profesional. Deben facelo de forma anónima e baixo lema, polo que non poderán incluír traballos efectuados para o Concecello de Pontevedra coa finalidade de garantir o anonimato na selección de candidaturas a participar na chamada a proxecto. Os portfolios deben presentarse no rexistro electrónico segundo o procedemento que se explicita nas bases.

Esta chamada a proxecto, tal e como xa se adiantara, constará de dúas fases. Na primeira, seleccionaranse catro opcións de entre todos os portfolios que se considere que se adaptan mellor ao obxecto da convocatoria. Para isto teranse en contra criterios como a experiencia en presentación de campañas de imaxes institucionais ou corporativas; a  maior cualidade formal e artística dos traballos realizados e incluídos no portfolio presentado, avaliándose especialmente a súa orixinalidade e innovación formal; a capacidade demostrada ao través da súa traxectoria profesional, xulgada exclusivamente ao través do portfolio presentado, para a transmisión dos valores inherentes ás marcas, institucións ou corporacións das que se teña realizado traballos relacionados coa súa imaxe corporativa; a capacidade demostrada a través da súa traxectoria profesional; e a versatilidade das propostas de imaxe corporativa realizadas ao longo da traxectoria profesional. As candidaturas seleccionaranse segundo a puntuación acadada en cada un dos apartados de avaliación.

A segunda fase consistirá en convidar as 4 empresas seleccionadas para que presenten as súas propostas de imagotipo coa correspondente memoria e definición da imaxe en diferentes soportes e aplicacións. Nesta fase, as 4 empresas participantes serán compensadas con 950 euros para gastos na elaboración das propostas, e a adxudicataria final subscribirá un contrato por un importe de 12.000 euros para desenvolver a imaxe corporativa definitiva. 

O xurado que participará na selección está formado por persoal municipal que inclúe dúas técnicas do departamento de Comunicación, o xefe da OTA, unha técnica de Secretaría, a propia concelleira de Réxime Interior e Contratación e dúas persoas designadas para o efecto pola Asociación Galega de Deseño. 

Ademais, o xurado será asesorado polo comité de expertos na súa escolla final, que está formado por Marcos Dopico, decano-comisario da nova Facultade de Deseño; Cristina Varela, secretaria do Grao de deseño; Juan Manuel Corbacho e Alberto Dafonte, docentes de Ciencias audiovisuais e publicidade.